BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
Case toda a composición se desenvolve en imperfectos de indicativo porque corresponde á descrición da vida da cidade nos momentos previos ao terremoto, que el sintetiza no sintagma ?pax caucana?. O canto á cidade destruída organízase como unha sucesión de sensacións visuais, acústicas, olfactivas e táctiles. A paisaxe urbana logo deixa paso á rural, que dá ocasión de mencionar a flora autóctona. Non faltan mesmo referencias á actividade dos volcáns da contorna, pois ao oeste de Popaián elévase o Puracé, que ten erupcións frecuentes pero inofensivas:
Escentilaban as cúpulas ao mencer e o lixeiro martelo do ourives abría o repousado compás do tempo. Todo era permanete. Arrecendía a terra a corpo quente unha hora antes da chúvia, e nas corredoiras de Timbío un vento lacazán apalpaba o mato da coca, as follas do zapote, o gualandai. O indio Chankaka debullaba na cana brava unha guabina. E no fondo as colunas de fume dos vulcáns confirmaban a paz orixinal. A pax caucana.(21)
As tres unidades estróficas de que consta a segunda parte compoñen un nocturno, pero, no canto dun cadro urbano, o poeta opta por nos ofrecer de novo unha descrición da paisaxe natural, na que non falta a referencia estelar para salientar indirectamente, como en ?Chachahuí?, a altitude da cidade (1.760 m). É tamén durante a noite cando teñen lugar as manifestacións de erotismo, que, precedendo á morte que traerá consigo o terremoto, atinxen a toda a natureza viva, desde os vexetais ata o propio suxeito lírico:
O xasmín nocturno alporizaba o sangue e unha égua bravía rinchaba de paixón na hora inexorábel do amor. Cánta frescura froital tiñan os corpos nese acto purísimo. Pola banda do leste o monte espeso, o alto farallón onde se acocha a danta circundaba o recinto, e a noite limitabase no seu ser: era un cofre aromado de ébano e muller canela en po. A miña mocedade chegou abrindo o pórtico e soñando. (22)
A unidade de maior orixinalidade poética é, probablemente, a terceira. Sorprende o procedemento imaxinativo de carácter mítico de que se vale o poeta para explicar o movemento sísmico. Un innominado deus precolombino xace refuxiado no interior dos
Nº 364 102