Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
O das esmeraldas era un mercado internacional estabelecido de había anos cunha estrutura que partia da rua 14 de Bogotá e chegaba a Amberes, a Tokio e a Estambul. Miles de persoas traballaban no socavón noite e dia, burlando a vixiáncia dos gardas, e somentes un cento delas ou doutras se enriquecian no tráfego, ostentando o seu poder con grandes limusinas, mansións en Santa Marta e Miami Beach e grosas cadeas de ouro penduradas do pescozo. Un esmeraldeiro recoñeciase na distáncia. Cando o governo de Lleras Restrepo impuxo orde no sector, militarizando as minas e nacionalizando a venda de esmeraldas a través das canles oficiais, os esmeraldeiros vendose derrotados e sen os grandes ingresos a que estaban afeitos, aproveitaron as suas estruturas internacionais e meteronse de cheo no comercio da cocaína. Ese cavalo apocalíptico arrasou de tal forma que hoxe o país sofre o descrédito do mundo e sofre internamente unha guerra aberta coas suas secuelas de espanto e de terror que só un povo honesto como o colombiano, e valente ate o heroísmo, pode suportar e chegar a vencer.37
Como os vellos contrabandistas de tabaco das Rías Baixas se estaban a transformar en narcotraficantes, Avilés daba o berro de alerta ?para escorrentar o monstro ou remataremos enfrentandonos nunha guerra na que todos pagaremos a nosa cuota de terror e de sangue?, pois coñecía ben o ocorrido na sociedade colombiana:
Hai que ser colombiano como eu e a miña família para pasar polas alfándegas do mundo e sentir os vexames, as inspeccións ate o recto ou na vaxina, os insultos e cando menos as sospeitas, para darse conta do que todo un povo honrado ten que sofrir pola codícia dunha minoria envalentonada polo poder que lle dan os cartos e a corrupción, que ven sendo o mesmo. Vexo que, ao pior, nas Rías Baixas estamos nese camiño. Hai que facerlle frente sen recato, ou quedaremos marcados para sempre. Quedades avisados.38
3. HISTORIA E FICCIÓN EN NOVA CRÓNICA DAS INDIAS Case simultaneamente á redacción dos artigos que ven a luz en Barbanza, Avilés de Taramancos elabora o único volume en prosa que edita en vida, Nova crónica das Indias (1989). A primeira edición sae publicada, sorprendentemente, na colección infantil ?Nabarquela? da editorial Ir Indo. Do libro só dera a coñecer con anterioridade dous textos: ?Indio reducidor o primeiro que ve é a túa cabeza? en Luzes de Galiza (núm. 4, outono, 1986) e ?Bulevar do Ron? en Luzes de Galiza (núm. 7, verán, 1987), que vai recibir o título de ?A derradeira singladura do Andrucho? no número especial de Barbanza (abril, 1988). O antecedente inmediato de Nova crónica das Indias cómpre vérmolo no texto ?Navegantes, cronistas e exploradores? que, asinado co pseudónimo de Ulises Fingal, publica Avilés no ?Programa das Festas Patronais de Noia?, en agosto de 1987, en edición da Comisión Municipal de Festexos. Trátase dun conxunto de sete breves notas biográficas e semblanzas doutros tantos mariñeiros e cronistas. Nas semblanzas, moito máis literarias, rexistra o mesmo asombro e abraio ao percibiren por vez primeira a realidade americana que recoñece como característica da gran literatura latinoamericana en ?De Bolombolo a Macondo?. Así, de Román de Noia, ?oficial de toneis na terceira viaxe de Colón?, dinos entre outras cousas:
57 Nº 364