BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
mencione no texto a tristemente célebre empresa peruana Arana, responsable da morte do 80% da poboación indíxena desa rexión. Desde o punto de vista estilístico, dominan estas páxinas sobre a selva un certo barroquismo á hora de dar conta da variedade e riqueza da flora, como por outra parte sucede nalgunhas novelas de Alejo Carpentier e Miguel Angel Asturias:
No mato escuro do Caquetá, días e días sen ver sol, selva tépeda de grandes árbores, de humidade atafegante onde reloce a catleia, esa orquídea delicada; e o anturio vermello é como ascua no fondo da escuridade. Onde hai furnas, regatos, lameiros cubertos de grandes flores brancas e o bexuco trepa ata o bico das grandes caobas. E nos clarós descubertos, as árbores do caucho que fixeran o grande imperio dos Arana nos primeiros anos do século. Anos de escraviturde, de xente marcada a ferro, xente ensumida de fame, de traballo brutal e de cadeas. (35)
O grupo excursionista está formado polo autornarrador, o seu amigo Carlos Zamorano, o ?negro? Nicomedes e o vaqueano Nereo, o único identificado coa natureza e capaz de desenvolverse con pericia nun medio tan hostil:
Nereo é o noso home para todo: el é quen arma a tenda, el é quen sabe pescar, el é quen procura o lume, el é quen tenta o camiño a seguir e o lugar conveniente da durmida. Quen coñece a serpe que morde, o froito que se pode comer. Quen sabe de río e de monte. Quen canta ao anoitecer o seu xaropo das planicies inmensas do Vichada, e quen dorme cun ollo aberto para erguerse ó primeiro sinal de perigo. Nereo fai parte do terreo en que anda, é sabedor das cousas máis pequenas, tan importantes á hora de enfrentarse a un mundo para nós descoñecido no que a morte é algo imprevisíbel e latente no medio dese rebumbio xeral da vida, que latexa arredor de nós como un pulmón enorme. (36)
Tres son os animais que aparecen no relato como os perigos principais con que se debe enfrontar o protagonista no seu avance pola selva: os mosquitos, a cóbrega e, sobre todo, a xaguarana negra. É tamén este último o motivo de que se vale o autor para lograr unha composición circular, xa que comeza coa frase ?Bicho raro a xaguarana negra? (35) e vai rematar coa caza dun exemplar que se refuxiara nunha cova a cargo do propio narrador, axudado polo vaqueano:
O Nereo xa ten avisado. Xaguar é bicho tramposo, arteiro, teatral. Ese choro é unha defensa para brincar no intre insospeitado. É o momento preciso de atacar. Fago un movemento rápido e o animal salta, como unha sombra condenada.A luz de lanterna extravíao no seu camiño e a lanza atravésalle a boca feroz. Érguese aínda, e o seu peso faime tremer de espanto. Nereo é quen bota man do coitelo e crúzalle a gorxa dunha coitelada mortal. Pelo lustroso, fino, longo coma unha manta. Zamo é quen arranxa con pedralume e sal. O vigairo apostólico do Sibundoi déranos daquela catro mil pesos pola prenda. (39)
3.10. [?INDIO AGUARUNA NON SABE DE LABRANZA?] A última estampa paisaxística da selva que Avilés incorpora no seu volume en prosa parte da viaxe que realizou ás ribeiras do IavaríMírim, probablemente antes de instaNº 364 84