Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Elcano Sidelnik vendía libros. Representaba a tódalas editoriais do mundo. Levaba unha maleta da catálogos que ía amosando con parsimonia ao posíbel comprador. Visitaba tódalas librarías, unha a unha, aldea a aldea, desde o sur da Arxentina deica Miami e Nova Iorque, nun traballo anual sen presas, co vagar de conversar, de saudar, de saber dos infinitos amigos que tiña de Sur a Norte e que fora durante a vida atando co fío sutil do seu ollar, no que se vía o home desprendido, de cortesía sinxela, case imperceptíbel, de inmensa cultura libresca e popular, que só se lle notaba cando facía algunha relación dos seus itinerarios ou cando mencionaba algún autor preferido ou un tempo ou unha paisaxe a relembrar. (78)
As razóns de Avilés para salvar do esquecemento a figura de Sidelnik hai que situalas no ámbito da literatura. Gracias a este arxentino obtén información sobre curiosas librarías de Colombia, sobre algún editor e, especialmente, sobre escritores latinoamericanos. Sendo libreiro durante uns dez anos, Avilés de Taramancos non podía deixar de mencionar a figura do editor madrileño de orixe galega Gonzalo Losada (18941981), que fundou a propia editorial en Bos Aires en 1938 ao non aceptar a deriva ideolóxica de EspasaCalpe durante a Guerra Civil:
Con Don Gonzalo chegaba o mundo amplo da literatura, autores, triunfos e fracasos que a través da súa longa vida, desde a fundación e ruptura de Sopena nos primeiros vinte ata o de agora en que o selo de Losada garante calquera nome ou edición no mundo da literatura viva en lingua de Castela. (79)
Entre os escritores latinoamericanos que lle deu a coñecer Elcano Sidelnik, Avilés menciona figuras tan sobranceiras como o ecuatoriano Jorge Icaza (19061978), o chileno Pablo de Rokha (18941968), sobre o que volveremos ocuparnos noutros lugares deste ensaio, e o peruano José María Arguedas (19131969):
De Arguedas traía unha edición en lingua quíchua de YawarFesta, que non sabiamos descifrar, pero que Elcano Sidelnik coas verbas que el coñecía dos seus andares por tódolos recantos do Perú e Bolivia ía formando outro relato paralelo, que despois descubrín que non era certo, pero que desmelloraba pouco da versión castellana que logo lin do propio autor. (79)
3.14. ?CRESCENCIO SALCEDO? A exaltación da música de Colombia tamén ten cabida en Nova crónica das Indias; a ela está destinada, de feito, a semblanza que lle dedica ao músico popular Crescencio Salcedo (19061976), nado en Palomino, no departamento de Bolívar, pero instalado desde o ano 1965 na cidade de Medellín. Na capital de Antioquia dedicouse a vender polas rúas herbas medicinais e frautas de millo e converteuse nunha figura moi popular. É precisamente en Medellín onde o encontra o noso escritor a tocar na rúa
...co se chapeu loricano de palma, descalzo de pé e perna, os ollos case cegos e os dedos longos por onde ía debullando a súa alma, que soaba no trafego da rúa como o río inxel do tempo, nidio e purísimo, polo que a patria deitaba o seu candor, o seu trasfondo melodioso e limpo no centro do rebumbio e da miseria.
89
Nº 364