Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
dos cuibas que dirixía o cacique Capanaparo tan só por roubar algúns xatos para a subsistencia.Do xenocidio con comida e bebida envelenadas soamente se salva o cativo que atopan o narrador e Nereo na súa viaxe polas chairas do departamento do río Meta porque non participara na esmorga. O rapaciño vai adquirir valor simbólico, non só do desamparo das comunidades indíxenas que sofren o acoso das grandes corporaciones industriais na explotación do rico subsolo de Colombia, senón tamén do desexo de resistencia: ?Única testemuña do seu pobo, vai agora sen rumpo na longura da chaira, cruzando os ríos cara o sur, coa súa pequena lanza de cana, disposta a perdurar?. (55) Avilés dispón os elementos narrativos ao xeito dunha traxedia para a poboación nativa. O roubo dalgunhas reses para sobrevivir é consecuencia directa da alteración drástica do medio natural que levan a cabo os colonos:
Viñera Capanaparo coa súa xente e asentara nas ribeiras do Meta, terra e auga de abondosa fartura, de peixe bacuri, inzada de borugo e formiga cuona que é alimento de regalar boca e de nunca acabar. Agora, na derradeira riada de colonos, ou máis ben facendeiros de rica envergadura, ex ministros, letrados, gobernantes perpetuos, brigadieres que baixan á planicie por descansar da suras regalías de curul e preda, que baixan con arame de espiño e armas de dous canos para limpar a selva, poñen á xente de Capanaparo cada vez máis afastada, máis sen bocado que mastigar; e as criaturas a chorar de fame, a caza sen surxir e o río estancado onde se dora o arrozal florido, que coidan día e noite gañáns a soldo fixo. Tempos de recuar sen ter onde. (49)
3.12. [?DE DÍA, O BULEVAR DO RON EN BUENAVENTURA É LUGAR DESOLADO?] O título que presentaba este texto cando viu a luz no número especial de Barbanza, ?A derradeira singradura do Andrucho?, perdeuno ao integrarse en Nova crónica das Indias. É a primeira das tres semblanzas que incorpora coa mesma estética que a da columna ?A contraluz? do quincenario noiés, pois consisten en retratos e etopeas de personaxes que, por diversos motivos, quedaron gravados na memoria do noso poeta. En catro páxinas evoca a figura do capitán do veleiro de Noia ?Olga?, José Tobío72, coñecido co apodo de Andrucho, a quen encontra nos setenta no Bulevar do Ron da cidade de Buenaventura, o porto do departamento de Valle del Cauca, que dista 142 quilómetros de Cali. O capitán do barco que o fascinara nos anos de infancia refírelle entón a súa vida aventureira en terras americanas e descóbrelle que mesmo lle fornecera desde Brasil un cargamento de armas ás FARC de Manuel Marulanda:
O tempo, que acaba con todo, acabou daquela coa fermosura. Os veleiros foron desmantelados. Fixeron barcazas, gabarras, leña. Cando desarbolaron o trinquete do Olga o Andrucho sentiu o degoro infindo de fuxir. E fuxiu. E chegou a Belem do Pará. Pobreza de vida. Desacougo. Capataz de peirao. Capataz de facenda. Nostramo de barcaza a Santarem. Capitán de río. O Andrucho vai coñecendo o río infindo, Belem, Macapá, Manaus; e chega ao corazón mesmo do mundo, Tabatinga, Leticia. Navega os ríos solitarios con nome de bolboreta, de paxaro descoñecido. O Apoporis, o Inírida, o Putumaio, o Caquetá. A súa sombra anda como alma en pena nos fondos camiños de América do Sur. Xiras de cazadores, de turistas, de exploradores. Tráfico de
87
Nº 364