Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Obviamente, onde mellor deixa explícito o rexeitamento da ideoloxía que lexitima a conquista de América é no artigo de Barbanza titulado significativamente ?O centenario da miseria?, que se abre con esta identificación cos pobos indíxenas masacrados:
Eu tamén son o guambiano, son o macú, o sibundoi. Eu tamén son o chimeneca, o arauco e o malón. Teño o meu corpo cheo de llapras, e doeme a mordedura do vergallo, o espanto das ferraduras lacerandome os rins, e o bruído abrouxador da pólvora rompendome os sentidos e facendome tremer na fuxida sen fin. Eu son a parte mais violada do mundo, porque con eles compartín a chicha e a miseria. Non era o ouro, non. Algo máis fondo nos levaron: levaronnos a voz, e esparexeron o noso sangue nas ruínas. A dentelladas de can esgazaron a nosa carne e arrasaron con ferro aceso a nosa casa grande, o noso cui, a nosa moradía e sementeira. Ainda máis, borraron o noso pulso da historia universal. Aquí ficamos na miseria. Vede o noso corpo co estigma da escravitude. Empreñaron a nosa muller por ter mans de facenda e minaria. Estrupron a nosa xuventude que endexamais floreceu. Velaquí están os meus farrapos. Oferezollos á Hispanidade.46
Neste mesmo artigo, dado a coñecer no número de Barbanza correspondente á segunda quincena de outubro de 1988, Avilés de Taramancos fai un canto daqueles persoeiros indíxenas que se opuxeron aos conquistadores do pasado e do presente:
O leito de rosas de Guatemoc estendeu o seu xergón polas províncias e os dias. É no seu desacougo, no seu salferir a renovada chaga, no que se deitan os corpos, aínda agora, dos povos arrasados. Vexo a Caupolicán, a Manco Capac, a Quintin Lame lavandonos co seu honor. A nosa estrela foi afogada en sangue. A nosa voz. Velaquí as nosas gorxas ceifadas. A nosa millera esmagada, o noso sol apodrecido. Oferecemosllo á Hispanidade! Estamos a celebrar o centenário da miséria.47
3.1. ?GAITANA? Iníciase a parte central de Nova crónica das Indias co relato máis extenso do volume, ?Gaitana?, protagonizado por un personaxe que forma parte da historia da conquista do Reino de Nueva Granada, o capitán Pedro de Añasco. Lugartenente do caudillo Sebastián Moyano de Belalcázar ou Benalcázar (ca. 14801551) primeiro na conquista do Perú ás ordes de Francisco Pizarro e logo na do reino de Quito, Pedro de Añasco foi enviado en 1535 canda Juan de Ampudia para exploraren e conquistaren a rexión de Pasto despois de que a un capitán de Belalcázar, un indio lle referise en Quito que un cacique no leste dos Andes adoitaba bañarse cuberto de ouro nun lago, ao que botaba esmeraldas ?orixe da lenda de El Dorado, que tanta fascinación exercerá nos conquistadores do século XVI?. Añasco participa tamén nos anos 1535 e 1536 na conquista da rexión actual do Valle del Cauca. Por orde de Belalcázar, que fundou as cidades de Cali (1536) e Popayán (1537), Pedro de Añasco levou a cabo a fundación da vila de Timaná, en territorio dos indios ialcóns, en decembro de 1538. Este capitán caracterizouse pola ferocidade con que combateu os indios. Sería precisamente este asañamento cos ialcóns do seu repartimento a causa da súa morte. Como
61 Nº 364