BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
Das cousas que amo é esta figura xa inmortal de Crescencio Salcedo pedindo esmola nos recunchos da vila, impávido ante a tempestade dos aconteceres, desfiando a modiño, regalándolle á xente do seu lugar as notas delicadas de A Múcura, O Cafetal, 'Moliendo Café', ou 'Alumbra Luna' que saíron da fervenza do seu sangue costeiro e que todo mundo cantou un día. Cumbias e porros memorábeis que saíron do seu aquel case inocente e das que despois se aproveitaron as casas de discos sen darlle ao home a parte pecuniaria que lle correspondía. (87)
Á de Crescencio Salcedo van seguir outras evocacións de músicos e intérpretes. Como José Barros ou a principal representante da música étnica de base africana, Leonora Mina, coñecida co nome artístico de Negra Grande:
Vexo Negra Grande baixar do seu simón e entoar o seu canto no Corralito de Piedra; vela por enriba das serras e dos montes, deixar ir a súa voz chea de axóuxeres decíndolle a Cartagena de Indias o seu amor ou batendo as nádegas ao son do currulao da súa Buenaventura querida, é como un rito iniciático que hai que celebrar de pontifical e chambra aberta. (88)
Tamén está presente a considerada como a mellor intérprete da música folclórica da zona andina, a bogotana Berenice Chaves, pero en realidade o nome da raíña da canción colombiana convértese nun pretexto para describir os cantos e os bailes populares:
Pero tampouco podía faltar do corazón a voz de Berenice Chaves, desfiando desde a sabana os seus bambucos e o tiple de onde saen como bolboretas as notas e rebrincan no pentagrama das cordas e no oco da madeira mesma nada nas súas montañas, que ten aínda nas súas vetas o cantar do vento serrano, como di a súa canción, e que cando soa o ritmo da planura do Meta ou do Arauca, ese xoropo que é como un trote de poldros, sente un os pés a repenicar no chan, os pés descalzos das raparigas entreverados e safándose das botas negras dos chairegos, levando o compás tan a carón da delicadeza do pé feminino, que é unha danza do galo que se repite ata chegar a voráxine do galerón; e voan os chapeus, e despréndense os panos do pescozo para facer na man un voo de ás que leva mesmamente o mesmo aire que leva o van das mozas e que vai peneirando e que se aviva nas cordas da arpa ata o primeiro sol da madrugada que sega de repente a tebra cóncava da noite deixando estrelas pálidas na sorpresa da aurora. (8990)
De todos os xeitos, o interese deste breve capítulo de Nova crónica das Indias non se limita á imaxe que nos ofrece da música e do folclore de Colombia. Resulta de lectura obrigada así mesmo para comprender a súa propia poesía, pois en dúas ocasións presenta a música como o principal resorte que lle fai desencadear o proceso evocador, nel tan vinculado ao creativo; de aí procede se cadra a relevancia dos motivos musicais presentes na súa obra poética73:
porque é a música, como se sabe, a fonte de tódolos recordos, de tódalas vivencias e das pequenas señardades que fan o mar inmenso da nostalxia total e o desespero de non poder ter man dos tempos idos. (88)
No remate desta prosa declara que iso mesmo é o que lle acontece ao oír a música da frauta de Crescencio Salcedo:
Nº 364 90