BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
senón tamén pola abdicación dos propios deuses ante os conquistadores estranxeiros. Avilés de Taramancos dedica en Nova crónica das Indias un conto a explorar a violencia social con que o cristianismo se abriu paso en América, pois os relixiosos que, coma o padre Bartolomé de las Casas, denunciaron a ?destrucción de las Indias? foron unha ínfima minoría fronte aos que colaboraron cos conquistadores. O historiador Miquel Izard explica deste xeito a colaboración entre conquistadores e misioneiros:
Así, pues, la frontera entre la región controlada por los blancos y la región donde todavía resisten indígenas no sometidos no ha cesado de desplazarse desde principios del siglo XVI, y dada la resistencia de los segundos, difícilmente los contactos fueron pacíficos; al contrario, la penetración de los primeros ha tenido siempre carácter militar, pero los misioneros desempeñaron un papel destacado; solían actuar conjuntamente, y si a aquéllos se les encomendaba la represión armada, a éstos se les asignaba la ideológica y moral, como propagadores de unos valores incuestionables cuya infracción solía ser castigada por unos y otros, y tambien unos y otros, dada su situación, debían guarecerse en fuertes o en poblaciones fortificadas.54
Na etapa inicial da Igrexa en América non faltaron, certamente, os choques cos encomendeiros, pero tamén cómpre termos en conta que conventos mercedarios e mesmo cregos recibiron encomendas. Ao longo do século XVI, mentres permaneceu con vida a xeración que se opuxo polas armas aos conquistadores, a volta ás prácticas relixiosas antigas non debeu de ser nada infrecuente. O escritor de Noia vainos presentar un caso de resistencia violenta á cristianización en ?Servos de Deus e amos de indios?, probablemente o relato onde exhibe un mellor dominio da arte narrativa. No canto das efusión líricas doutros textos, atopamos aquí unha coidada dosificación de elementos que fan progresar a acción. Á parte da maior atención que presta á creación da psicoloxía do personaxe, dá combinado sabiamente a denuncia co humor, o retrato individual co panorama social, a descrición da paisaxe natural coa narración. O feito de que o título deste relato apareza entre comiñas se cadra quere suxerir a relación intertextual, pois o estudioso do noso escritor Martín Veiga xa advertiu que ese título estaba tomado dunha obra de Víctor Daniel Bonilla55. O protagonista anónimo do relato é un indíxena convertido ao cristianismo na misión de San Xoán de Pasto, cidade desde a que os misioneiros dominicos espallaron o Evanxeo polo suroeste do Nuevo Reino de Granada a partir de 1573. Aparece portando ás costas unha cadeira na que vai sentado frei Pracido Crous, que se dirixe a realizar a súa obra misional en Sebundoi, o val de onde é nativo o indio protagonista. O texto narra con brillantez a toma de consciencia do seu asoballamento pola institución eclesiástica, mentres padece as penalidades de levar o frade ao lombo. A situación inicial do indio anónimo, ?cabreado pero sumiso? (p. 97), transfórmase ao final en rebeldía consciente ao entregar o relixioso aos membros da súa comunidade para que o sacrifiquen:
De primeiras, é algo xordo que el quere sofocar, pero logo deixa libre o sentimento e decide nun intre de presteza facer o que ten que facer.
Nº 364 70