Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
ación da provincia de Pasto, moi influída pola xerarquía eclesiástica ?esta presentaba a nova república como incompatible co catolicismo, foi a que con máis teimosía defendeu a causa realista fronte ás forzas emancipadoras. En 1813 os pastusos chegaran a derrotar o exército que Antonio Nariño desprazara desde Santa Fe para sometela. Como en Pasto os indíxenas pelexaron tamén contra os patriotas republicanos, Avilés de Taramancos parece querer simbolizalos na figura histórica de Agustín Agualongo (17801826), quen para o historiador colombiano Sergio Elías Ortiz non era indio, como afirman outros historiadores e mais o poeta de Noia:
Seguramente era un mestizo, pero un mestizo que se elevó de soldado raso voluntario al grado de Coronel efectivo del ejército real y que, como gloria póstuma, fue agradecido por el Rey Fernando VII, con la borla de Brigadier General, que no pudo llegar a sus manos porque ya para 1826 en que vino el despacho, había caído fusilado en Popayán.93
Voluntario desde o ano 1811 no exército realista, Agustín Agualongo dirixiu as tropas pastusas contra Simón Bolívar o 17 de xullo de 1823 en Ibarra, onde resistiron heroicamente máis de nove horas e sería capturado trala derrota de Barbacoas, o 24 de maio do ano seguinte. Conscientes as novas autoridades do perigo que entrañaba Agualongo para a República, optaron por fusilalo ao non conseguir que se adherise ao novo réxime co grao de xeneral. Ora ben, este destacado militar e guerrilleiro non dirixira o exército realista na batalla de Bomboná, papel que recaeu no coronel Basilio García, que tiña o obxectivo de impedir o paso de Bolívar cara a Ecuador e Perú. A batalla á que se refire sen nomeala Avilés de Taramancos no poema é, certamente, a de Bomboná, porque representa o principal revés militar padecido por Bolívar no Sur de Colombia: o coronel realista só aceptou as capitulacións que lle propuxera o Libertador despois de coñecer a victoria de Sucre en Pichincha, coa que quedaba liberada a cidade de Quito. A elección do personaxe de Agualongo, na nosa opinión, non obedece tanto ao seu papel relevante na historia de Colombia como ao interese de Avilés por facer reflexionar ao lector galego sobre o comportamento de representantes de sectores populares a prol do poder central, unha vez iniciado un movemento de emancipación nacional. En tanto que concelleiro de cultura de Noia, Avilés de Taramancos coñeceu ben atrancos na Deputación e na Xunta e non ignoraba a situación orixinada en Galicia debido ao feito de que, a diferencia do acontecido en Cataluña, a burguesía non abrazou o ideario rexenerador que lle ofreceran os intelectuais galeguistas a fins do século XIX. No seu ensaio en prosa de máis alento, Galicia no diván, podemos ler a seguinte 'Teoría da mestizaxe' que se cadra constitúe a mellor contextualización ideolóxica do poema ?Sandoná?:
Amais da mestizaxe xenética e da cor, hai unha mestizaxe mental que sofren todos os pobos colonizados. Os vencidos que perden a dignidade collen os hábitos do vencedor e atacan ainda á parte da tribo que se mantén fiel a si mesma. O mestizo mental é un ser híbrido e como tal perde o seu certificado de orixe, que é como perder a vergoña, e no seu intelecto hai sempre un afán de servir a aquel que cre superior ainda que non
109
Nº 364