Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
A narrativa volve a coller o seu rumo con Gallegos, Asturias e Rulfo e ainda máis fondo con Icaza e J. M. Arguedas que avolven o mundo indíxena como unha gande catapulta contra do orde estabelecido, para afirmarse no orde natural. A língua viva, sen a esclerose peninsular, a lingua que se recrea de cotío, está a dar agora nos recantos de Iberoamérica o zume embriagante do froito prohibido. A crónica sempre inconclusa da Descuberta. O Continente violado ?ese afrenta de aceiro e arcabuces está no parto continuado dunha narrativa fresca, feita de verbas anovadas, coas mesmas árvores (xacarandá no vento), as mesmas feras míticas, as mesmas criaturas espidas no mencer das idades que un dia os ollos abraiados do cronista viron emerxer da fermosura.25
Como vemos, neste artigo non falta tampouco a denuncia da violencia da conquista e a exaltación da paisaxe, como en Cantos caucanos; ora ben, a imaxe que ofrece resulta tan só aplicable ás literaturas dos países tropicais, non ás dos países sen importante poboación indíxena. Cómpre advertirmos que no mesmo número 18 de Barbanza Avilés reproduciu nunha páxina enteira un poema do volume Boletín y elegía de las Mitas (1964) do poeta e narrador ecuatoriano César Dávila Andrade (19181967). O poema preséntase como un singular monólogo dramático en que o suxeito lírico se identifica con indíxenas do seu país que padecen a represión do Estado durante a etapa colonial española. Avilés de Taramancos chega a Colombia en 1961 cando ocupa a presidencia da República Alberto Lleras Camargo, líder do Partido Liberal, que acordara co Partido Conservador a reforma constitucional aprobada por plebiscito en 1957, coñecida como Pacto Nacional, pola cal os dous partidos tradicionais participan por un igual na representación ao congreso mentres que se alternan no executivo durante un período de dezaseis anos. Regresa a Galicia en 1980, baixo a presidencia de Gabriel Turbay Ayala, cando o réxime bipartidista conducira a vida política colombiana ao bloqueo máis absoluto ao negarse a acometer as reformas sociais e agrarias precisas e integrar no sistema constitucional ás formacións da esquerda obreira, que se desvían á loita guerrilleira coa esperanza de derrotaren polas armas o Estado oligárquico, na liña da revolución cubana. Durante a estadía do poeta de Noia en Colombia ten lugar o desenvolvemento de tres fenómenos fundamentais da historia do país, como son a guerrilla, os grupos paramilitares da oligarquía e do Exército e o narcotráfico. Así pois, das catro fases en que a historiografía colombiana adoita dividir a violencia26, Avilés de Taramancos asiste en Colombia á terceira, representada pola loita contra a Fronte Nacional dos diferentes grupos guerrilleiros (Ejército de Liberación Nacional e Fuerzas Armadas Revolucionarias de Colombia en 1964, Ejército Popular de Liberación en 1967, Movimiento Diecinueve de Abril en 1973...) e desde Galicia permanece atento ao desenvolvemento da cuarta, iniciada en 1982 con períodos de paz e negociación e outros de violencia. O seu rexeitamento a ser entevistado en profundidade sobre aspectos biográficos e estéticos, debido se cadra ao feito de que parte da súa obra literaria se nutría desas lem53 Nº 364