BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
Fronte á conservación da mesma dicción poética en ?Crónica de Bernaldo Fros?, Avilés exhibe en Cantos caucanos, tal variedade de temas, formas, tons e metros, que nos leva a pensar que carecen doutro lazo de unión que non sexa a temática colombiana. Sen embargo, se se atende aos materiais poéticos utilizados, ben se bota de ver que a aparente dispersión debeu de obedecer á vontade de levar a cabo unha exaltación dos diferentes compoñentes da identidade nacional colombiana. Maximino Cacheiro afirma ao comentar a temática de Cantos caucanos nunha escolma de poesía galega de temática americana, que a obra de Avilés ?non é propiamente falando un canto a Colombia como ente abstracto, senón un canto á rexión do Cauca?77, pero fronte a esta interpretación debemos advertir que tres poemas están ambientados fóra do val do Cauca e que na mesma dedicatoria do volume se observa a compatibilidade, por inclusión, das dúas realidades espaciais: ?Aos meus fillos/Que gardan de Colombia/a luz extensa que percorre o Cauca?. Na nosa opinión, Avilés de Taramancos canta a Colombia a partir de realidades do val do Cauca, mais seleccionadas desde unha perspectiva nacional e non rexional. A identidade colectiva que se coñece como identidade nacional é, certamente, unha das máis complexas da sociedade contemporánea. O profesor Anthony D. Smith establece o seguinte catálogo dos ?aspectos fundamentais da identidade nacional? no coñecido volume que lle consagra a este tema tan controvertido:
1.Um territorio histórico ou terra de origem. 2.Mitos e memorias históricas comúns. 3.Uma cultura de masas pública comum. 4.Direitos e deberes legais comúns a todos os membros. 5.Uma economia comum, com mobilidade territorial para os membros.78
Agás o número 4, todos os factores enumerados polo célebre sociólogo inglés están representados nos poemas de Cantos caucanos. Así, non só consagra unha composición a unha batalla clave da independencia de Colombia e alude brevemente noutras dúas aos dous conquistadores do Nuevo Reino de Granada (Sebastián Moyano de Belalcázar e Gonzalo Ximénez de Quesada), senón que poetiza nun texto a expansión da agricultura e os cultivos do café de comezos do século XX; reserva dous textos para a música e, en relación coa cultura, non sorprende que converta en tema dunha composición a protagonista da novela María de Jorge Isaacs pero si que faga o mesmo cunha receita gastronómica. Ora ben, por riba mesmo dos aspectos históricos e culturais, o factor da identidade nacional de Colombia privilexiado é o territorial, representado por poemas sobre paisaxes naturais e urbanas. Lémbrese que a paisaxe non é outra cousa que un espacio xeográfico enxergado por unha conciencia estética79. Evidentemente, para a comunidade á que se dirixe Avilés de Taramancos as paisaxes cantadas son completamente exóticas porque non as ten incorporadas ao seu repertorio cultural ou enciclopedia e, polo tanto, descoñece as súas resonancias históricas e sociais de que son portadoras para a poboación colombiana. Como consecuencia directa do
Nº 364 94