BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
ao enxergar a obra de Viracocha. Na nosa opinión, o topónimo 'Huanacautí' do poema debe tratarse dun erro; Avilés seguro que se estaba a referir á montaña Huanacauri, que está no lugar de Quirirmanta, preto do val de Cuzco. Do mesmo xeito que acontecía nalgúns dos seus artigos de prensa, a gabanza da realidade americana interrómpese para deixar paso á execración da violencia da conquista española que leva aparellada a desaparición das divindades precolombinas. A sabedoría estilística de Avilés permítelle efectuar ao longo da composición dous saltos decisivos: do mito á historia e do pasado á actualidade. Así, ao rematar coa formulación da oposición simbólica luzescuridade en presente, o autor parece suxerir a necesidade dun novo compromiso fronte á realidade latinoamericana:
Chiminigagua ollou ao deus do Sul erguendo os montes, rompendo rios que chegaban ao mar muito medrados abrindo trocha no caudal, gurgullando nas canles onde a terra se contrae como unhas coxas de muller. Ollou a obra e ergueu de cordilleira o continente. De norte a Sul as cóbregas soñaron. As grandes árvores ao atardecer amosaron a súa luz, e nas sabanas o siléncio dos cóndores apampou a criación: eran inmensos como naves cruzando o universo. Da sua sombra nace a escura flor que sempre se percura. Logo chegou o sangue e a ferraxe, chegou o estupor das faíscas do aceiro. Ouzou o deus un rincho fondo a esnaquizar o tempo. A voz de Uirakocha quedou irta nos témpanos ardidos. Arreventa o vulcán o seu último espasmo. Agardamos no barandal da noite que o seu ronsel nos abra outra andadura. Voan as aves cara o Sul.
Cómpre lembrar que Avilés identificaba a actividade poética cunha loita prometeica pola conquista da luz no artigo que co título de ?Mineiro de luz? lle dedicou ao seu amigo Miguel González Garcés, con quen colaborara na biblioteca da cidade na etapa coruñesa, e mais na importante declaración autopoética que leva o título de ?Creación e rebeldía?, lida no III Encontro de Escritores, que se celebrou en Baiona baixo a súa presidencia en setembro de 1986. Como vemos, mesmo nun poema de exaltación da realidade americana desde unha perspectiva mítica Avilés de Taramancos expresa simbolicamente o seu compromiso emancipador e antiimperialista, paralelo ao que asumira a respecto de Galicia no ano 1954 cos compañeiros de xeración Xohán Casal e Reimundo Patiño. BIBLIOGRAFÍA DE AVILÉS DE TARAMANCOS
O tempo no espello, Sada, Ediciós do Castro, 1982. Cantos caucanos, Barcelona, Edicións Sotelo Blanco, col. ?Leliadoura?, 1985. As torres no ar, Santiago de Compostela, Edicións Sotelo Blanco, 1989. Nova crónica das Indias, Ir Indo, col. ?Nabarquela?, núm. 4, 1989. Obra viva, Santiago de Compostela, Edicións Laiovento, escolma de Ana González Vázquez, 1882. Última fuxida a Harar, A Coruña, Edicións Espiral Maior, col. ?Poesía?, núm. 10, 1992.
Nº 364
130