BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
nada; Elegías de varones ilustres de Indias fora escrita primeiramente en prosa e vertida despois en oitavas reais ao longo duns dez anos. Como teremos ocasión de sinalar, desta obra de Juan de Castellanos, Avilés non só extrae os versos do epígrafe de Cantos caucanos, senón tamén a materia narrativa de varios relatos históricos de Nova crónica das Indias. Ese era, precisamente, o mérito que lle recoñecía Germán Arciniegas na súa historia cultural de Latinoamérica:
Es cierto que forzaba las noticias para ajustar los versos, y llegaba a curiosos malabarismos descomponiendo las fechas para sacar las rimas sin que fallaran las sílabas del endecasílabo. Pero hai en el poema escenas de deliciosa frescura, rasgos de humorismo, vívidos recuerdos de Colón y de los descubridores, admirables pinturas de las marchas de los conquistadores por selvas y páramos, retratos de personajes como Drake o el tirano Aguirre; en fin: una mina de informaciones e intimidades que en vano se buscarán en otros libros, y que han explotado todos los historiadores.23
Tendo en conta o lóxico interese de Avilés polas crónicas de Indias para subvertelas ao asumir a defensa dos indios na súa obra narrativa, compréndese a súa reivindicación neste artigo centrado na literatura latinoamericana. Sen embargo, desde un punto de vista historiográfico, xa non resulta doadamente asumible o seu rexeitamento do romanticismo en América pola orientación exotista. Sen a etapa romántica dificilmente se podería comprender a aparición das culturas nacionais que se van xestando tras a emancipación. Na súa visión da traxectoria literaria de Latinoamérica, Avilés de Taramacos parece asumir unha posición ahistórica análoga á defendida polo novelista Alejo Carpentier na súa teoría do real marabilloso. É sintomático que tanto o autor de El reino de este mundo como o poeta noiés adopten a respecto da realidade americana unha idéntica óptica europea, xa que o noso autor cifra a historia da grande literatura latinoamericana, da que salienta autores, obras e personaxes, como ?A crónica sempre inconclusa da Descoberta?. Lémbrese que un dos debates intelectuais orixinados co gallo da celebración do V Centenario, no que interviñeron desde intelectuais da talla de Miguel LeónPortilla e Edmundo O' Gorman ata a 5ª asemblea do Consello Mundial de Pobos Indíxenas celebrada nos meses de xuño e xullo de 1987 en Lima, foi, precisamente, o da súa denominación, porque desde o punto de vista ideolóxico os termos escollidos non eran neutros. O xornal madrileño El País, voceiro do novo nacionalismo español, nun editorial do 31 de xullo de 1985 terciou na polémica equiparando ?descubrimiento? con ?encuentro de culturas?, xustamente o que impugnaban intelectuais e as organizacións de indíxenas de Latinoamérica. O escritor guatemalteco Luis Cardoza y Aragón chegou a sinalar con acerto e enxeño que a chegada dos españois a América non fora un ?encuentro?, senón un ?encontronazo.24 Ao escoller para o título do artigo os lugares de Bolombolo e Macondo, parece situar aos colombianos León de Greiff e García Márquez no cumio dese universo literario, pero o eloxio da figura de José María Arguedas volverá a aparecer na semblanza ?O home da rosa branca? de Nova crónica das Indias:
Nº 364 52