Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Escoito, pois, palabras, lamentos na miña lingua xa antiga, prantos que abrouxarían un corazón de ferro, mais xa os nosos corazóns, o teu o meu, Gaitana, son corazóns de obsidiana, seixo duro, pedra de eslabón que dá faísca no contacto do aceiro ou na paixón case indomábel de víctima e alfoz. (p.28)
?Gaitana? consiste nun longo monólogo interior do personaxe de Pedro de Añasco que ten como receptora interna á propia cacica. Aparece dividido en tres unidades tituladas respectivamente ´Alba', ´Serán' e ´Noite', pero que non responden a unha auténtica disposición narrativa. Máis que referir a historia militar do capitán da conquista e levar a cabo a discusión da súa personalidade, o monólogo disólvese en efusións líricas nas que a riqueza verbal da prosa de Avilés non oculta a falla de dominio técnico das estruturas narrativas. Na ficcionalización da historia de Pedro de Añasco, a principal orixinalidade que introduce Avilés de Taramancos con respecto ao relato do cronista Juan de Castellanos consiste no delongamento da súa morte: ?Son anos ao teu carón e xa non sei quen son nin de onde son? (p.20). Este simple feito, aínda que lle permite avaliar o significado da súa vida de militar (?Envolvo e desenvolvo o sarillo das cousas que pasaron?, p.16), obrígao a imaxinar tanto as escenas da vida cotiá como as relacións con Gaitana, que resolve acomodándose ao modelo sadomasoquista. Privado de vista, Pedro de Añasco tan só pode apreciar de forma vaga os cambios da súa face:
O cabelo enchoupado de mugre, apelotado e comesto dos piollos. A barba que deixou de medrar, enroscada en si mesma, que me proe e lastima, sentindo na pel as chagas e a miseria. Das coveiras onde tiven os ollos, unha chaga supura permanente a materia viscosa que se confonde coas bágoas. Si, soamente me queda algo de luz na memoria. (p.15)
A pena máis grave que padece é a perda do sentido do tempo, xa que lle dá á súa condena unha sensación de eternidade, pois non pode valerse da sucesión das estacións para ?contar a inmensidade da condena? (p.15). Recoñece que o maior acerto de Gaitana é que non lle dese morte, desexando poder abandonar ese mundo: ?inclino a caluga para recibir o golpe mortal que me libere. Ese fracaso constante é quizais a mistificación que máis me carcome? (p.16). Como suspira pola ?gracia da morte? (p.15), acaba por renegar da súa propia fortaleza física, ?da recidume que non me deixa morrer? (p.15) e non deixa de recoñecer desde o principio as súas ?culpas infinitas? (p.15). Ao estar atado ao pao do medio da choupana, séntese degradado á mera condición de animal, pero o lector ha de ver igualmente nestas imaxes a valoración moral que lle merece ao autor: ?nos poucos intres en que deixo de ser un animal? (p.16), ?o ouveo do can que son, co que me identifico? (p.17), ?feliz coma un lobo cego a quen o domador lle pasara o chicote suavemente polo lombo? (p.18), ?Son can sen dono? (p.20), ?Son o teu can? (p.20), ?eu, o animal despiadado e asasino?
65
Nº 364