BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
3.7. ?O BUSCADOR DE ILLAS? Máis que dunha prosa de carácter paisaxístico trátase dunha reflexión en torno ao simbolismo da illa no ámbito caribeño. Como epígrafe presenta o seguinte texto sobre a fonte da eterna mocidade, mito operativo aínda na conquista de América, pois en 1513 Juan Ponce de León partiu na súa busca. Segundo rexistrou Pedro Mártir de Anglería na Segunda Década (1514) esta Fonte da Mocidade estaba situada nunha illa chamada Boiuca, a trescentas vintecinco leguas da Española, e os homes que bebían das súas augas remoceaban63:
Eu, Preste Xohán de Mandeville, vide esa fonte e tres veces bebín da súa auga, e desde que bebín síntome bo, pois os que dela beben son sempre mozos? (55)
Importa salientarmos a condición apócrifa deste texto, aparentemente extraído das Viaxes de Xoán de Mandeville, o gran bestseller europeo do outono da Idade Media e comezos do Renacemento que influíu notablemente en Cristovo Colón. O autor que asinou como Xoán de Mandeville tomara a descrición da fonte dunha suposta Carta do Preste Xoán das Indias, de aí que no epígrafe apócrifo Avilés de Taramancos funda habelenciosamente os dous nomes. O motivo da fonte anuncia a natureza tamén mítica de Fonseca, que pertence á clase de illas lendarias como San Brandán, Antilia ou a Illa das Sete Cidades64. O noso autor comeza chamando a atención sobre a perduración da illa mítica no imaxinario dos homes do Caribe:
O buscador de illas, queimado do salitre, está agora na praia longa e branca fitando o mar e adiviñando a illa da súa fantasía. ¿Onde estará Fonseca? Douscentos anos de ollos insomnes á procura do seu contorno no confín das ondas, de Providencia a Cuba, rota aberta de nao e bucaneiro; fixa na carta náutica e a illa sen aparecer. Tan só nos seus soños, na saudade perpetua, na ansia escondida de descubrir un mundo ??para coñecer o mundo con unha illa chega? alguén segue aínda firme no propósito van, e as súas pálpebras entreabertas esculcan a derradeira luz do día. (55)
No libro das Viaxes de Xoán de Mandeville afírmase que a auga desa fonte con propiedades máxicas procede do paraíso. Ben sabido é que, desde o punto de vista simbólico, a illa perdida no medio do océano constitúe unha imaxe arquetípica do paraíso se resulta acolledora para o navegante ou explorador ao estar dotada dunha vexetación equiparable ao xardín. O mesmo Colón coidaba, na relación da terceira viaxe, que se achegara ao Paraíso Terrenal ao identificar o Orinoco co Ganxes, un dos seus catro ríos65. Desde a mesma Antigüidade, a illa gardou unha relación estreita coa figura feminina, tanto na versión maternal cando predomina a idea de refuxio e espacio protector como na dimensión erótica propiamente dita; neste caso a illa reviste os caracteres de obxecto de desexo para os descubridores ou navegantes66. Esta última é a dimensión que prevalece na imaxe recreada por Avilés de Taramancos:
Nº 364 80