Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Á hora de incorporar a poboación amerindia, como é lóxico, Avilés céntrase nos muiscas non soamente por constituír ?la mayor aportación de raíz aborigen en la población actual de Colombia?62, senón tamén por dispoñer de máis datos sobre a súa cultura, de aí que se refira ao deus Bochica co templo de Sogomoso e ás prácticas relixiosas na lagoa de Guatavita, sitos no departamento de Cundinamarca, así como á civilización material:
En Suamox reverberaba o sol no altar do deus Bochica. Viña o Cacique gordo de Usaquén revestido de ouro a bañarse nas augas de Sesquilé, ofrendando a totuma de esmeraldas entre os cánticos, os botafumeiros a danza leve e ancestral que o pé repenicaba con axóuxeres de prata. De Zipaquirá traían o sal e de Fúquene ou de Fusagasugá o froito doce do mango, as uchuvas maduras, as ibias vermellas e os cogumelos de alucinar. (p. 68)
Como a poboación muisca, segundo os historiadores, estaba nunha etapa de cambio social e unificación entre os diferentes grupos inmediatamente antes da chegada dos españois, Avilés alude ás transformacións que se estaban a producir na poboación indíxena no parágrafo anterior á descrición da violencia que supuxo a irrupción dos conquistadores en Nueva Granada:
Baixaba o muisca a Ibagué trocar sal por moza nova. Íanse confundindo nun só corpo de bronce as tribus da montaña ?de ancha napia e pequena coas tribus da terra baixa, quimbaias, panches, calimas, natagaimas. Rincha o cabalo na sabana estirando o seu belfo para beber o aire. Roxen o arcabuz e a lombarda, tintinea o aceiro das alabardas, brilla o casco na luz nidia, a espada cega os ollos coma un raio ou unha maldición, corren ríos de sangue e corren ríos de ouro: pectorais, narigueiras, axorcas e colares para a arca sen fondo da avaricia, para o desamor, para a arrogancia do que vence diante dun deus inerme e primitivo. (p. 69)
Despois de mencionar ?a encomenda?, en tanto que principal institución social da colonia, o autor noiés volve invocar a figura simbólica de Luzmila para advertir que do seu corpo violado xorde a poboación colombiana:
Neste parto de sangue érgueste así, louzá, fresca e viva outra vez, arrepoñendo á espada un agromar de estrelas baixo a tona da pel. Doce e noviña coma o ananá renace a túa carne das ascuas do martirio. (p. 69)
Sorprendentemente, nesa altura o texto presenta un xiro temporal, pois a evocación lírica desprázase ás figuras do romano, do xermano das invasións bárbaras e do árabe, coma se tivese intención de mostrar os diferentes compoñentes étnicos que deran lugar á poboación responsable da conquista:
Nas altas carabelas, como nun cofre rudo de carballo, vai a semente do teu corpo. O vento do mar arrola o berce. Os bravos mariñeiros, os capitáns, os vixías da torre ou do mastro maior levan no sangue ese río de séculos e historia. Chegan á ribeira da illa exhaustos e abraiados, pero levando a única estrela que mereces. Despois do sangue, da loita, da tenrura, ábrese a túa flor. E estou contigo. (p. 70)
79 Nº 364