Estudios e investigacións sobre Avilés de Taramancos
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
Chole ?ou de Perricholi a Manuelita Sáenz e que vai de Gaitana a Doña Bárbara, que se perde en María e esvaise entre néboas alpinas en Amalia?50. Fronte á tradición hispana de celebrar a conquista, que acabaría cristalizando na festa de ?la raza? do 12 de outubro, Avilés de Taramancos opón a heroína da resistencia india, que tardou moito en ser enxalzada na propia Colombia:
On exalte encore la mémoire de l'ennemi, de l'envahisseur, en oubliant délibérément les défenseurs indiens. En 1970, ce son les bustes de Quesada, Robledo ou Belalcazar qui ornent les places publiques. Il faudra attendre 1974 et le sculpteur Bétancurt pour pouvoir admirer enfin un monument réhabilitant cette admirable Gaitana dont quelques lieuxdits perpétuent le souvenir dans le HautMagdalena.51
3.2. ?ENTRADA E RECIBIMENTO DO IMPERADOR DON ÁLVARO DE OYÓN NA PRAZA DE NEIVA E DAS FATAIS CONSECUENCIAS DO SEU LEVANTAMENTO? Avilés de Taramancos tamén utilizou como materia narrativa as loitas violentas habidas entre os conquistadores españois polo control do poder político e económico, representado pola terra e a man de obra indíxena. Neste relato, titulado á maneira das crónicas da conquista, céntrase na rebelión contra o rei que protagoniza Álvaro de Oyón en 1553. Este fidalgo de Huelva, neto dun comuneiro segundo Juan de Castellanos, chegou ao Nuevo Reino de Granada desterrado do Perú, onde tomara parte na rebelión de Gonzalo Pizarro contra o vicerrei pola aplicación das Leyes Nuevas. Na cidade de Popaián incorporouse ás hostes do capitán Sebastián Quintero cando ía emprender a conquista dos indios cambis. En 1552, tras someter aos indios, Sebastián Quintero fundou La Plata e repartiu as terras entre os capitáns. A fin de que confirmasen eses repartimentos as autoridades, enviou a Álvaro de Oyón a Santa Fe. Defraudado polos intentos da Real Audiencia, fundada en 1547, de diminuír o poder e os privilexios dos encomendeiros, Oyón encargouse na capital de facer compras de armas e munición alegando que ían destinadas a unha nova expedición contra os cambis. De volta a La Plata cos seus leais, tamén soldados procedentes de Perú, fíxose co control do exército logo de dar morte ao seu capitán Quintero para autoproclamarse ?Capitán General de la Libertad?, en rebeldía coa coroa. Apoderouse das vilas de Timaná e Neiva e dirixiuse a Popaián. Esperaba contar coa axuda dos encomendeiros desgustados coas autoridades polo maior control na explotación dos indios, pero non recibiu adhesións. Entrementres, na cidade de Popaián organizouse coidadosamente a defensa, na que tomou parte o propio bispo Juan de Ovalle. Dispuxeron tamén de forzas indíxenas, que ?entendieron la amenaza que significaba el triunfo de esta revuelta inspirada por el espíritu feudal de los encomenderos?52. Ao fracasaren os insurrectos na conquista da cidade malia o valor exhibido, Álvaro de Oyón foi executado na mesma praza o 3 de novembro de 1553. O cronista Juan de Castellanos, que lle dedica a este personaxe integramente o canto X da ?Elegía a Benalcázar?, nunha oitava deu conta da sorte que correron Álvaro de Oyón e os seus compañeiros de revolta:
67 Nº 364