A hemeroteca conserva nos seus fondos máis de 2.500 cabeceiras de revistas publicadas ao longo dun período de douscentos anos. De especial importancia é a sección de publicacións galegas, que reúne títulos tan significativos como Diario de Santiago, Semanario instructivo, El Idólatra de Galicia, O Vello do Pico-Sagro, A Nosa Terra, Nós ou Vida gallega. Tamén resulta de grande interese o conxunto de revistas americanas, editadas as máis delas polas colectividades galegas que viviron na emigración cubana e arxentina a finais do século XIX e principios do XX.
Polo seu valor histórico cómpre mencionar tamén as revistas que proceden de coleccións persoais, e moi nomeadamente aquelas que pertenceron a Manuel Murguía, a Emilia Pardo Bazán, aos irmáns Antonio e Francisco Mª de la Iglesia, e, máis recentemente, ao académico Isidro Parga Pondal.
A dixitalización e catalogación electrónica dos fondos desta hemeroteca realizouse con recursos propios, mais tamén coa axuda -para algunhas das coleccións-, da Fundación Barrié e da Dirección General del Libro, Archivos y Bibliotecas do Ministerio de Cultura do Goberno de España.