ESTATUTOS E REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO DA REAL ACADEMIA GALEGA
A Coruña 2001
PRÓLOGO A creación da Academia Galega o día 4 de setembro de 1905 na Casa do Consulado da Coruña foi o resultado do intelixente e xeneroso impulso procedente da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega, creada en Cuba por un grupo de patriotas da cultura entre os que destacan Xosé Fontenla Leal, polo seu entusiasmo e capacidade organizadora, e Manuel Curros Enríquez, pola súa auctoritas de poeta civil. É ben posible que a Academia non chegase a nacer e consolidarse sen o pulo e a axuda económica permanente dos galegos emigrados a Cuba. O 25 de agosto de 1906 o rei de España aprobaba os primeiros estatutos e concedíalle o título de Real. Murguía foi o seu primeiro Presidente. A primeira preocupación desta corporación foi lexicográfica e gramatical pero non estiveron ausentes as preocupacións literarias, arqueolóxicas e históricas, porque se necesitaba unha Academia que acelerase o rexurdimento global da cultura de Galicia. Os entusiastas traballos da Academia víronse axiña complementados polos das Irmandades da Fala, da Xeración Nós e mais do Seminario de Estudos Galegos. Pero o silenciamento de orixe bélica entre 1936 e 1949 foi duro para todos e tamén foi duro e duradeiro na Academia; e mesmo así, dende 1949 a cultura galega volveu dar síntomas de vitalidade no eido editorial, no museístico, no universitario e, finalmente, trala chegada da autonomía, no institucional: todo isto fixo que hoxe, case cen anos despois, estean feitos ou moi avanzados moitos dos traballos para os que se creou a Real Academia Galega. A vixente Constitución española \(1978\) recoñécelle á lingua galega o carácter de cooficial en Galicia, mentres que o Estatuto de Autonomía de Galicia \(1981\) e a Lei de Normalización Lingüística \(1983\) obrigan o Goberno galego a traballar activamente na promoción e defensa desta lingua e desta cultura. O galego ten hoxe un estándar ortográfico e gramatical único, estable e suficiente
337
Nº 362