CULTURA MARIÑEIRA Francisco Calo Lourido
Correspondente da Real Academia Galega
?Para construír un país hai que coñecelo pronto e ben?. Esta frase de Murguía converterase en guieiro e breviario de praxe diaria para os homes da Xeración Nós. Pretenden eles vertebrar e dar significado a este territorio chamado Galicia e, para conseguilo, terán que se dedicar con tódalas súas forzas e sen perda de tempo a estudalo. A intensidade que deberán aplicar débese tan só á escaseza de persoas comprometidas na tarefa, e a présa coa que hai que acometer o traballo á conciencia da perda acelerada e inevitable de sinais identitarios. Se o primeiro non é máis que unha cuestión numérica, aínda que poidamos extraer outro tipo de conclusións extrapolables ó momento actual, no que segue a ser escasísima a intelectualidade realmente preocupada pola terra, o segundo manifesta unha particular, aínda que non exclusiva, concepción do país. Segundo esta, os galegos somos o resultado, o produto de supervivencias antiquísimas que se veñen manifestando dende a Prehistoria, grazas ó espírito que o percorre todo, á alma colectiva do pobo, ó que os románticos alemáns deron en chamar Volksgeist. Esta alma, esta esencia do pobo consérvase no mundo labrego, artesán e mariñeiro e aquí radica, precisamente, a présa por recoller e aprehender todas esas notas distintivas do ser galego, por canto as mutacións tecnolóxicas do século XX meten en risco de desaparición moitas delas, e cada unha das que se perdan será algo así como un anaco da esencia de Galicia que desaparece para sempre. Cando aqueles ourensáns da Xeración Nós López Cuevillas, Vicente Risco e Otero Pedrayo asumen o anterior, teñen, por razóns de método e de persoal interese, que se repartir o traballo. Encargarase Cuevillas da arqueoloxía e a prehistoria de Galicia, sentando e asegurando as bases para o seu coñecemento; a etnografía será o eido preferencial de Risco, mentres que Otero centrará os seus esforzos investigadores na xeografía. ¿E os restantes campos ou disciplinas, como a lingua, a literatura, a historia, etc.? Aí, con maior ou menor intensidade, entrarán os tres. Un carriño de madeira e uns apuntamentos cos chamadoiros das diferentes pezas que o conformaban serán o inicio da relación que un cativo de 16 anos vai encetar e madurar, ata a morte, con aqueles tres sabios. Estamos a falar de D. Xaquín Lorenzo Fernández, máis coñecido, dende aquela, polo hipocorístico ?Xocas?. Empezou tan novo e tan intensamente a traballar con eles que aínda hoxe hai quen o inclúe na nómina dos membros de Nós, cando por razóns estritamente cronolóxicas (no que se basean, prioritaria37 Nº 365