A PROPÓSITO DOS TRABALLOS ARQUEOLÓXICOS DE DON XAQUÍN LORENZO Francisco Fariña BustoXulio Rodríguez González
Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense
Ao aproximarnos ao labor arqueolóxico de don Xaquín Lorenzo, a quen honra a Real Academia Galega como persoeiro do Día das Letras Galegas de 2004, coidamos de interese achegar algúns datos tomados das súas propias manifestacións, verbo tanto das dimensións da súa actividade arqueolóxica como da súa propia idea da arqueoloxía como parte da historia común, antes de pasar a valorar e analizar con máis detalle algúns dos seus traballos de campo e a significación que hoxe teñen. Non foi don Xaquín un teórico da arqueoloxía, a pesar de ser, consonte a información de don Vicente Risco na necrolóxica do seu irmán Xurxo Lorenzo, coautor dunha obra que hoxe resultaría de grande interese pola súa temática e a data, aínda que resulta para nós descoñecida, un Manual de arqueoloxía de campo1, que, se por un momento podemos considerar dentro da liña da serie de manuais programados no seo do Seminario de Estudos Galegos2, coidamos que pola súa temática específica se separa destes e que podería ser unha aproximación teórica neste campo, da que compre destacar dúas facianas moi concretas, a atención ao rexistro e a reconstrución dos obxectos recuperados, sobre todo se atendemos á data, 1933. Di don Vicente:
Traballos inéditos compretos: 15. Escavacións arqueolóxicas. Feito en colaboración co seu irmán Xaquín, é un traballo metodolóxico, unha utilísima guía do praiticador de escavacións históricas, que contén todolos problemas d´orde prautica que se lle poden presentar: maneira de dispôr e de realizar as escavacións; maneira de erguer planos, alzados, etc..; reprodución gráfica do material asoellado; obtención de vaciados; reconstrucción e restitución d´oujetos; conservación dos mesmos,etc., etc.3
Con todo, aínda que non abondosas, hai ocasións, sobre todo en declaracións aos medios de comunicación, nos que se refire á súa propia actividade arqueolóxica de campo, a súa intima relación con don Florentino LópezAlonso Cuevillas, que, co seu maxisterio, será sempre un fito referencial para a súa actividade arqueolóxica e para o sentido que esa investigación pode ter na reconstrución do pasado histórico de Galicia, marcado xa, no noso xuízo, pola forte imprenta do estudo etnográfico que considera urxente e prioritario fronte ao arqueolóxico. Así, aparece no discurso que pronunciou na homenaxe a don Vicente MartínezRisco y Agüero, ao se celebrar o Día das Letras Galegas de 1981, en Ourense, unha valoración onde podemos ler:
57 Nº 365