OS TIPOS DE XUGO E OS SEUS NOMES NO TERRITORIO DE FALA GALEGA
Manuel González González
Real Academia Galega. Universidade de Santiago
0. INTRODUCIÓN Sabido é que, dentro da preocupación xeral que Xoaquín Lorenzo tiña polos diversos aspectos da cultura material de Galicia, ocupaban un lugar relevante o xugo e o carro, aos que dedicou atención en múltiples estudos, como ?Die Bremse am Galizischen Wagen?1, ?Notas lingüísticas gallegas. Limia baja?2, Vila de Calvos de Randín3, ?Distribución dos xugos na Galiza?4, ?Notas etnográficas de la parroquia de Borneiro?5, ?El carro en el folklore de Galicia?6, e sobre todo nun traballo moi documentado que leva por título ?Nomenclatura del carro gallego?7. Nesta contribución, que pretende ser fundamentalmente unha modesta homenaxe e un recoñecemento ao labor de Xoaquín Lorenzo, ofrecemos unha revisión das áreas ocupadas polos distintos tipos de xugo establecidas no seu día por Xocas, e realizamos un estudo sobre os nomes que reciben estes tipos de xugo en todo o territorio de fala galega. O xugo é un instrumento de madeira para xunguir unha parella de bois ou de vacas, máis raramente de bestas, onde vai suxeita a cabezalla do carro, o timón do arado, da sachadeira, grade, caínzo, etc. O documento máis antigo sobre o xugo de que temos noticia é o dunha miniatura en cobre encontrada en Tell Agrab, en Mesopotamia, de cara ao ano 2600 a.C., descrita por Wilhelm Treue8, que representa unha cuadriga na que os dous cabalos de dentro están xunguidos a un xugo de madeira. En Galicia úsanse tres clases de xugo: o grande, para sachar o millo, patacas, etc. (por un rego vai a sachadeira, e polos dous lados van os animais); o normal ou do carro; e o dun boi ou dunha vaca sós, para certos traballos lixeiros, coma o de arrendar o millo. O noso estudo centrarase no xugo do carro e dos seus tipos. Acostúmase dicir que os mellores xugos son os de freixo e os de cerdeira, porque non esgazan nin rompen, domean ben e son suaves e frescos para o gando. Non obstante, as madeiras utilizadas son diversas, e a elección dunha ou doutra depende de múltiples factores.
135 Nº 365