PRESENT A C I Ó N
n ano máis o noso Boletín, albiscando xa o centenario do seu nacemento, acode á cita anual como voceiro da Real Academia Galega. Nesta xeira está dedicado no seu apartado primeiro a Xaquín Lorenzo Fernández ?Xocas? como homenaxeado no Día das Letras Galegas 2004. Este investigador e benemérito galego, herdeiro do espírito do Seminario de Estudos Galegos e da xeración ?Nós?, ocupouse durante toda a súa vida da recolleita xenerosa do legado da cultura popular. Consciente da cultura que atesouraba o pobo e tamén dos perigos da súa perda, dedicouse a preservar algo que nos pertence a todos porque é a base da nosa identidade. Unha boa parte da súa obra está dedicada á etnografía do mundo rural e do mariñeiro. Pero non son os seus estudos alleos ao mundo da arqueoloxía no que entrou da man do seu mestre Florentino López Cuevillas. Para poñer ao descuberto as raiceiras da nosa cultura foi a arqueoloxía uns dos instrumentos esenciais á par da exhumación da máis vella documentación. Esta orientación arqueolóxicodocumental vén marcada polos nosos primeiros historiadores que se esforzaron por mostrar a singularidade da nosa cultura. O Boletín da Real Academia Galega fíxose eco destas inquedanzas ao longo da súa traxectoria, seguindo deste xeito un fío condutor de grande importancia. A figura de Xaquín Lorenzo non fai máis que reafirmar a continuidade cultural e a firmeza da nosa mellor tradición. Ocúpanse dos traballos e dos días do noso homenaxeado, nos distintos apartados do seu labor intelectual, Carlos García Martínez e M.ª Xosé Fernández Cerviño, voces do Museo do Pobo Galego que tanta relación tivo co homenaxeado. Clodio González Pérez, Francisco Fariña Busto, Xulio Rodríguez González, Manuel González González, Francisco Calo Lourido, Manuel Caamaño Suárez, Xesús Ferro Ruibal e Xosé Ramón Mariño Ferro, achégannos aos lectores ás diferentes facetas humanas e investigadoras de ?Xocas?. A segunda sección do Boletín recolle as alocucións académicas do acto institucional celebrado na honra do homenaxeado en Ourense. O terceiro apartado, como vén sendo habitual, está dedicado a traballos de investigación. Nesta ocasión os profesores Rosario Álvarez e Xosé Luís Rodríguez Montederramo inician o estudo dun tema fundamental como é a escrita epistolar en galego. Por último, a sección que reflicte a vida oficial da Real Academia Galega, ademais de dar conta de distintos proxectos de investigación e de facer a crónica académica, remata coa necrolóxica de D. Domingo García Sabell, membro destacado da institución e Presidente da mesma, a cargo do tamén académico numerario Víctor Freixanes.
U