O C A N T I G U E I R O P O P U L A R D A L I M I A B A I X A DE XAQUÍN LORENZO Xesús Ferro Ruibal
Por seren estas unhas páxinas de homenaxe a Xaquín Lorenzo e por ser eu, de sempre, amigo de mirar para o queixo e non para os buratos, vou salientalo traballo por el realizado e fareino de maneira descritiva. Analizalas cantigas sería interesante por ser un corpus limitado xeográfica e cronoloxicamente; pero sería outro traballo e debo advertilo de entrada.
1. CARACTERÍSTICAS O Cantigueiro popular da Limia Baixa (de aquí para diante CPLB) viu a luz en 1973. Para os que salten os prólogos e as notas o CPLB podería pasar por un de tantos cantigueiros, aínda que non pequeno, porque contén 2.547 cantigas (de aquí para diante c. ou cs.), as máis delas, cuartetas, e 9 composicións 1, 6 desafíos, 11 parrafeos, 7 oracións e 6 romances. Máis aló desta ordenación estrutural, hai unha ordenación alfabética 2. Pero unha lectura atenta non pode prescindir do meditado prólogo (no que fai unha descrición, en boa parte, válida para este e para tódolos cantigueiros populares galegos: ocasións de compoñer e cantar na cultura rural galega e tipos de composicións) e, sobre todo, dos apéndices: en primeiro lugar as 867 notas (CPLB 199280), que enchen 81 páxinas de letra miúda, o que significa que unha de cada tres cantigas leva un comentario erudito e observo que, en moitos casos, esas anotacións non son erudición superflua senón imprescindibles para entender a correspondente cantiga 3; e poñerei só un caso: quen non souber, como el explica (CPLB 241, 418), que o consumo foi un imposto odiado polos nosos campesiños entendería mal ou non entendería a c. 1292 (Miña meniña da ialma, / ben sabes que eu presumo / que me hei de casar contigo / se é que baixan o consumo). Nesas notas, e no estilo da Xeración Nós, subliña a presenza nestas cantigas galegas de temas universais coma o de alivialas penas co canto (CPLB 231, 325), o inesquecible amor primeiro (CPLB 210, 112), o menosprezo do que viaxou e non viu baillalo sol (CPLB 233, 341) e similares. Engade 111 referencias bibliográficas 4 e un valioso índice toponímico (CPLB 287296), ó que me referirei en 6.1, no que explica a maior parte dos 165 lugares que aparecen mentados 504 veces nestas cantigas.
93 Nº 365