A RODA E A DORNA. XAQUÍN LORENZO E O MUSEO DO POBO GALEGO Carlos García Martínez e MaríaXosé Fernández Cerviño
Museo do Pobo Galego
Para quen traballamos no Museo do Pobo Galego, don Xaquín Lorenzo é unha figura venerable. Para esta institución é máis ca un fito fundacional, un elemento definidor e un elo inquebrantable dun proxecto histórico do que este Museo é un chanzo máis. Un proxecto de longa e vagarosa traxectoria, que viviu sucesivos avatares e coñeceu numerosos protagonistas, e que tivo que agardar máis dunha centuria para comezar a se facer realidade. Desde fins do século XVIII, coa aparición da ciencia etnolóxica, maniféstase en toda Europa un crecente interese polo estudo, recuperación e conservación da cultura e as tradicións populares. Esta tendencia intensifícase no século XIX grazas ao auxe dos estudos etnolóxicos e etnográficos. Así, han xurdir en diversos países europeos institucións axeitadas como marco para estas investigacións. A procura dos valores culturais autóctonos potenciará ademais a creación de museos etnográficos ao longo do século XIX e a comezos do XX. Galicia non foi allea a esta corrente. O proxecto de crear un museo nacional no que se recollesen as manifestacións da cultura propia afunde as súas raíces no movemento intelectual que, a mediados do século XIX, había dar lugar ao Rexurdimento. Como un eco das inquietudes científicas do momento, xorde a preocupación por defender os valores da cultura popular, como precedente dos modernos estudos etnográficofolklóricos. Xa un real decreto de 1844 instituíra as Comisións Provinciais de Monumentos HistóricoArtísticos, que tiñan entre os seus cometidos o de crear os museos e bibliotecas provinciais. O primeiro sería o Museo de Pinturas de Ourense, que funcionou entre 1845 e 1852 e que, en 1895, daría paso ao Museo Arqueolóxico Provincial. A Exposición Rexional de 1858 servirá de pretexto á iniciativa de crear un museo de Galicia. Iniciativa que non pasará do desiderátum, pero non ha caer en saco roto. Dez anos máis tarde, a ?Sociedad Económica de Amigos del País? de Santiago de Compostela convoca unha reunión para este fin, da que resulta o proxecto de formar un Museo Arqueolóxico de Galicia. Consecuencia diferida do mesmo é a creación en 1884 do Museo Arqueológico Central de Galicia, que coincidía coa conmemoración do centenario da Sociedade, pero que tivo unha existencia efémera. Un paso máis foi a propos123 Nº 365