LENDO NOVA CRÓNICA DAS INDIAS E OUTRAS PROSAS DE AVILÉS DE TARAMANCOS Anxo Tarrío Varela
A proliferación e amoreamento de publicacións que sobre Antón Avilés de Taramancos se produciu e se está a producir dende que se anunciou por parte da Real Academia ser el o elixido para o Día das Letras Galegas 2003, é dicir dende hai moi poucos meses, vai pechando o camiño de posibilidades ao investigador que, en prazos de urxencia, como é este caso, pretenda penetrar con algunha novidade nos eidos da obra do noso poeta. Por iso ocorréuseme tomar como pretexto parte das súas prosas para facer algunhas reflexións que ao mellor botan algunha luz sobre unha obra que, como a de Avilés de Taramancos, aínda servirá durante moitos anos de obxecto de atención hermenéutica en moi diversos campos da cultura. A xeito de introducción desenvolverei unha serie de consideracións sobre o que se entende, sen máis, como literatura e aqueloutros textos que, aínda sen lle negar un certo estatuto literario, adoitamos encasulalo con envoltorios específicos ou xenolóxicos. Estou a me referir aos textos xornalísticos, cronísticos, históricos, autobiográficos ou confesionais, por poñer algúns exemplos, pois coido que as prosas de Avilés de Taramancos andan a cabalo entre eles e necesitan dunha esexese axeitada para seren comprendidas ou, cando menos, para lle procurar lecturas posíbeis. A este respecto, por exemplo, moito se ten debatido e segue a se debater sobre as diferencias que poida haber entre o texto literario e o texto xornalístico. Nestes debates laten, ao meu ver, cando menos, dúas cuestións desemellantes, aínda que intimamente relacionadas. Unha desas cuestións, reiteradamente formulada sen solucións satisfactorias, é ha de saber se a escrita xornalística e os textos lindeiros con ela son ou non son literatura, e polo tanto se é ou non pertinente a diferenciación que decote se fai entre escritor e xornalista. Hai respostas para todos os gustos, segundo a perspectiva que se adopte, como é lóxico. Outra das cuestións refírese ao estilo literario e a súa relación co texto xornalístico. Aquí atopamos un problema ben complexo sobre o que vou tratar de facer algunha achega de proveito, aínda que non estou nada seguro de conseguilo, pero antóllaseme absolutamente necesario para focar a obra prosística de Avilés de Taramancos. Como ben se sabe, hai algo máis de cen anos que a teoría da literatura vén preguntándose polo seu obxecto de estudio (o discurso literario) para tratar de perfilalo e de definilo fronte os obxectos e discursos propios doutras disciplinas e ciencias, en tanto en canto nesa definición e perfil vai implícita a propia lexitimación e razón de ser da Teoría literaria como ciencia autónoma.
185 Nº 364