CAMILO JOSÉ CELA (Iria Flavia, Padrón, 1151916 / Madrid, 1712002) Xesús Alonso Montero
Non é un artigo necrolóxico o xénero axeitado para facer un estudio erudito da biografía literaria dun escritor, neste caso un escritor prolífico, polifacético e que foi especialmente importante na narrativa en lingua castelá desde 1942, o ano da primeira edición de La familia de Pascual Duarte. O narrador conságrase, en opinión da mellor crítica, nove anos despois coa publicación de La Colmena (1951), cadro perfecto dun novo tipo de costumismo madrileño. A voz narrativa de Cela tamén conta como viaxeiro, como autor de libros de andar e ver, xénero ó que lle dedicou especial entrega. Por se fose pouco, Cela cultivou outros xéneros e modalidades: o ensaio desenfadado, a glosa xornalística, a conferencia ?pour épater le bourgeois?, a poesía, o teatro, a traducción... Hai tamén un Cela estudioso do feito lingüístico. Famosas xustamente son as súas páxinas como lexicógrafo das áreas impúdicas do vocabulario, compendiadas nunha obra celebérrima: o Diccionario secreto (19681971). Tarefa non exenta de pericia filolóxica é a da modernización lingüística dos ?clásicos? hispanos (La Celestina, por exemplo). Certas parcelas do Folclore literario teñen en Cela un estudioso apaixonado e orixinal. De feito, en xuño de 1980, foi nomeado, na Universidade de Palma de Mallorca, titular dunha cátedra ?ad hoc?: a de ?Literatura y Geografía Populares?. Lector moi peculiar, é autor de estudios como La obra literaria del pintor Solana, que foi o seu discurso de ingreso na Academia Española (1957). *** Camilo José Cela Trulock foi académico correspondente da nosa institución desde o 16 de xaneiro de 1944, e Académico de Honra desde o 29 de xullo de 1979. En realidade, esta é a data na que foi elixido, pero a toma de posesión foi o 16 de xaneiro de 1980. Na hora do seu pasamento, pois, o noso Boletín ten que consignar e salientar, se ben dun xeito moi sumario, as páxinas literarias escritas en lingua galega, e sinalar, tamén, todas aquelas páxinas, en castelán, nas que o escritor se asomou ó discurso lingüístico e literario que está no centro das preocupacións e investigacións da nosa Academia. Entre elas cómpre destacalas dedicadas a Rosalía de Castro, algunhas delas afervoadas. Estas páxinas foron examinadas con acerto polos profesores Andrés Pociña e Aurora López no traballo ?Rosalía de Castro na obra de Camilo José Cela? (El extramundi y los papeles de Iria Flavia, 1997). Non escasean as referencias ou breves incursións a outros poetas: os trobadores, Macías, Añón, Cabanillas, Noriega... Nesta cuestión é de xustiza subliñar ?La morriña en la literatura gallega?, conferencia proferida no Centro Galego de Caracas en 1953.
327 Nº 364