PRESENT A C I Ó N
número 364 do Boletín da Real Academia Galega chega á súa cita anual nesta nova etapa da publicación académica coa sinxela aspiración de reflectir a súa vontade de estar presente na vida intelectual e cultural de Galicia. Seguindo a liña marcada polo número 361, que inicia a que podemos denominar terceira etapa da publicación, despois dun longo silencio de vinte anos, a primeira parte da publicación está dedicada ó poeta Antón Avilés de Taramancos. Son un total de nove traballos que abordan a obra do poeta de Noia desde distintos ángulos e perspectivas, conscientes de que esta diversidade, froito da radical liberdade de cada autor, é unha garantía da pluralidade coa que nos debemos achegar ós temas culturais e humanísticos. Os devanditos estudios, de Alonso Girgado, Xosé Mª Álvarez Cáccamo, X. L. Axeitos, Antón Capelán, Xavier Carro, Xavier Castro Rodríguez, Miguel Anxo Fernán Vello (quen, ademais, nos cedeu xenerosamente a fotografía do autor que figura na tapa da revista), Ramiro Fonte e Anxo Tarrío, tracexan unha biografía intelectual de Avilés recorrendo os espacios sentimentais que teñen acollida na obra diversa do autor de Noia. A segunda parte do Boletín da Real Academia Galega recolle as intervencións que na honra de Avilés de Taramancos pronunciaron os académicos Salvador GarcíaBodaño, Luz Pozo e Xohana Torres no solemne acto académico celebrado en Noia o día 17 de maio do 2003. Coidamos que unha institución case centenaria ten tamén o deber de coidar un xénero, a oratoria, que foi moitas veces canle expresiva dos nosos anceios históricos e que está hoxe en tan degradado estado. Os tamén académicos Alonso Montero e Rosario Álvarez xunto con Xosé Luís Rodríguez Montederramo son os encargados do terceiro apartado deste número, dedicado a traballos de investigación e estudio, enlazando deste xeito cunha sección histórica do noso Boletín. Rematan os contidos desta entrega co apartado Vida Oficial da RAG, continuador da chamada Sección oficial que desde o primeiro número, do xa afastado 1906, reflicte os traballos e os días da institución. Como subsección desta última parte, as necrolóxicas de Carlos Casares e Camilo José Cela, a cargo, respectivamente, de Manuel Rodríguez Álvarez e Alonso Montero. Pretendemos, en definitiva, con este número reafirmar a nosa vocación de presencia social en pro do diálogo cultural, sabedores de que somos depositarios dunha profunda tradición que soamente poderemos manter viva con esforzo e traballo. A insatisfacción e a busca, non a complacencia, son o mellor acicate no traballo de cada día porque aprendemos en Virxilio unha verdade sempre nova: nihil est a mortalibus sine magna labore.
O