A POESÍA DE ANTÓN AVILÉS DE TARAMANCOS: MEMORIA DA VIDA Xosé Mª Álvarez Cáccamo
Vive Antón Avilés de Taramancos tan firme na memoria de nós que non semella ausencia o seu destino de silencio. Continúa el, apaixonadamente teimoso, a labrar os eidos da nación incesante, aqueles campos sementados da man da avoa Lela da Pastora, consubstanciado coa terra das orixes, regresado á semente. Sentimos a vida de Antón a arar por dentro a materia nosa, ese corpo unánime que nos outorga sentido. O segredo da pervivencia labrega ficounos rebelado nestes versos pertencentes a Obra inmisericorde: ?Nesta terra non hai / mortos como nas outras. Tan só hai devanceiros, / xente que nos percorre o tecido das veas.? Percórrenos Antón o tecido das veas e o río sanguíneo axítase en fervenza cando debuxamos na nostalxia o seu sorriso feliz, o aceno das mans traballadas, o soño dos ollos en presentimento de aventura. Antón é hoxe un devanceiro mozo a falarnos desde unha ribeira moi próxima. Antón viviu sempre na memoria del mesmo proxectada sobre o pano de fondo do urdido colectivo, a tecer o poema á medida das horas que foron verdade. A súa obra literaria, poesía, xornalismo, crónica narrativa, nace do discurso da vida e traza un rumbo paralelo ás rotas do tempo continxente, aínda que nunca se detén en labores de autorretrato figurativo. A escrita de Avilés, sobre todo a poética, rexeita a fidelidade documental ao referente. E, sen embargo, no estrato íntimo da significación evidénciase un núcleo de necesidade vital, a interrogación dirixida á procura de claves existenciais e de razóns éticas. Nese sentido, a súa poesía é verdade. Verdade de raíz nacida da experiencia e labrada con aparellos de metal transcendente e simbólico. E por iso vive Antón tan firme na memoria de nós, que andamos a procuralo e topamos o seu ser enteiro, alén do perfil anecdótico, na terra esencial do poema. Desde os tempos da mocidade, no centro da desacougante miseria da posguerra coruñesa, con Urbano Lugrís ao seu carón, a erguer ambos un soño de rebeldía poboado de mitos odiseicos, Antón Avilés foi construíndo a memoria metamórfica do seu tempo humano en volumes rigorosamente unitarios. Primeiro foi o abraio da natureza que fundara a sensibilidade infantil, os ventos e os paxaros convocados en As moradías do vento (1955) e A frauta yo garamelo (1959). Os amores xuvenís atinxiron ben logo o lugar do discurso en dous libros que deberon agardar máis de vinte anos para saír a luz no volume recompilatorio O tempo no espello (1982). Eran Poemas a Fina Barrios. Pequeno canto, de 1959, e Poemas soltos a Maricarmen Pereira, escritos no verán de 1961. A saudade de Galiza, sufrida ao longo de dúas décadas en Colombia, é o sentimento incitador da escri21 Nº 364