A POÉTICA ASCENSIONAL NO PRIMEIRO AVILÉS Xavier Carro
TODO O MEU FROITO É LUZ Titulaba eu un artigo en 1992 : ?A. Avilés de Taramancos, habitante da luz e do aire?, tomando como palabras claves do seu universo poético a luz e o aire, isto é, como eixes vertebradores da súa obra. Hoxe, despois de tantos anos, volveríao escribir pois estamos ante un poeta radical. Pola súa voz tan persoal e auténtica xorde o home esencial, universal e o seu canto vólvese celebración da vida, hímnica exaltación da natureza, pánica e gozosa comuñón coa Terra. En Antón Avilés latexa un sentimento cósmico e unha irrefreable forza que se fai ritmo ascensional e coñecemento mistérico e luminoso do mundo:
Collo o grao de semente, esa tenrura na que sostén as trabes o universo: en tan mínima urna namorada.
Fronte do filósofo que indaga e explica o mundo desde o seu propio pensar, o poeta faino desde a vida, verbaliza as augas escuras da conciencia e ilumina o mundo coa palabra. A poesía suxire unha verdade enmascarada pero claramente intuída e albiscada nos recunchos máis insondables do ser. O discurso filosófico é racional e fragmentario; o poético intuitivo e unitario, desvelándonolo mundo en imaxes e ritmos. Así é esta altísima poesía de Avilés que nos descobre unha fonda visión da vida. Harmonía creadora, cósmica, florecida na palabra. O Avilés mozo irrompe no reino da poesía cunha sabedoría e madureza non aprendidas. El mesmo lembraría cando entra cos seus poucos anos nos cenáculos literarios coruñeses que os deixa asombrados co dominio e seguridade na arte poética. Foi un poeta tocado pola gracia, por ese coñecemento secreto que devén do profundo do ser e que só alcanza as criaturas xeniais, manifestándose logo a través da súa poesía. Avilés interioriza a realidade e levándonos por recónditos labirintos, váinola revelando na palabra. Para min, ademais da brillantez e da madureza compositiva que atopamos xa nos seus primeiros poemas; o máis relevante é a súa expresividade sentimental que transcende os lindes do puramente textual, plena e lograda na súa formalización. Característica esta que o achega ós grandes líricos que teñen un universo cunha icónica propia na que se representa o mundo. O texto poético é un espacio imaxinario onde aparecen represen
139
Nº 364