ISIDORO MILLÁN: LETRAS CLÁSICAS, LETRAS GALEGAS Xesús Alonso Montero
Da polifacética personalidade filolóxica de Isidoro Millán aterémonos, no presente estudio, ás dúas facetas sinaladas no título: Letras clásicas, Letras galegas. Sabido é que Isidoro Millán, que nos acaba de deixar, foi profesor de Grego e rigoroso helenista, pero neste noso estudio non examinarémolas súas contribucións no eido da Filoloxía grega, tarefa que outros deberían realizar, e si, como indica o título, a relación, no labor de Isidoro Millán, entre a súa condición de versado nas Letras clásicas e a súa condición de estudioso e cultivador das Letras galegas. Publica este traballo unha revista comprometida desde sempre con estes temas, o Boletín da Real Academia Galega, institución á que Isidoro Millán pertenceu como membro numerario. O lector das presentes páxinas terá ocasión axiña de comprobar que, para a elaboración e redacción deste tema, posúo un material literario inédito moi valioso, material que é froito da miña relación con Isidoro Millán, colega meu na Facultade de Filosofía e Letras de Madrid de 1950 a 1953, se ben el estudiante de Filoloxía Clásica e eu de Filoloxía Románica. Ese valioso material inédito (cartas, traduccións e resposta a un inquérito) son páxinas moi importantes dese labor filolóxico de Isidoro Millán que eu titulo ?Letras clásicas, Letras galegas?. 1. DA VIDA E DA OBRA DE ISIDORO MILLÁN 1.1. NOTAS BIOGRÁFICAS Isidoro Millán GonzálezPardo (conde de Quirós desde 19841) naceu en Pontevedra o 11 de xuño de 1922. Inicia o Bacharelato no Instituto da súa cidade (19321936) e finalízao, coa máxima cualificación, no Colexio dos xesuítas de Mondariz (19361938). De 1939 a 1942 cursa estudios de Humanidades en Salamanca e, de 1943 a 1945, fai estudios de Filosofía pura na Facultade de Oña (Burgos). Xa home feito e estudiante moi serio, cursa en catro anos a carreira de Filosofía e Letras na Universidade de Madrid, na que se licencia, con Premio Extraordinario, en Filoloxía Clásica no ano 1954. As materias do seu doutoramento, ó curso seguinte, foron Sánscrito e Historia Hetita. En 1953, nunha estancia en Alemaña, asiste a clases de Celtoloxía e Arqueoloxía clásica. En 1955, Isidoro Millán posúe unha notable familiaridade con temas e pólas importantes da Lingüística indoeuropea. De Lingüística indoeuropea foi profesor axudante na Universidade de Madrid durante dous cursos (19541956). En novembro de 1959 obtén, por oposición, a cátedra de Grego do Instituto de Pontevedra, cátedra que desempeñará ata
227 Nº 364