LUGRÍS FREIRE OU OS DISCURSOS DA NACIÓN Xosé Luís Axeitos Agrelo
Desde este espazo do Auditorio Carlos Maside, tan familiar e íntimo para moitos dos aquí presentes, que sempre fomos acollidos aquí con xenerosidade, quixera, Sr. Presidente, mostrar o meu agradecemento á Real Academia Galega que me está a permitir tomar a palabra neste momento. Como todos vostedes saben, este complexo industrial e cultural, xestado na distancia entre os exiliados de 1939, garda importantes semellanzas coa Academia que se non xestada, si que foi nacida na Habana grazas ao afán doutros exiliados galegos, os liberais da primeira república. Que no día de hoxe, cando a Academia está a celebrar o seu centenario, coincidan no Castro de Samoedo os espíritos da galeguidade e do liberalismo republicano non deixa de ser unha homenaxe máis a un home, Lugrís Freire, que encarna coma ninguén estes valores, en tanto que militou no partido galeguista que conformaba a Fronte Popular de 1936. No plenario da Academia de 28 de abril de 1963 os numerarios Fernández del Riego, Gómez Román e Ferro Couselo propuxeron, e aceptou a institución, conmemorar o centenario da publicación da obra Cantares gallegos de Rosalía de Castro como Día das Letras Galegas todos os 17 de maio. Desde esta data histórica xa, o discurso celebratorio do Día das Letras Galegas ?non compartido na actualidade por amplos sectores políticos e culturais? , ademais de contribuír a fixar un canon necesario, espertou unha clara conciencia biográfica, filla dunha fusión de sentimentos individuais e colectivos. E este feito de que a RAG designe dun modo inequívoco os integrantes do parnaso galego e de que fixe o canon constitutivo da literatura nacional, ten importantes implicacións políticas, porque toda selección, ou exclusión se queremos, supón un xuízo valorativo que se propón apoiar a autoridade dun determinado discurso. Desde 1963 todos os escritores e intelectuais aos que se lles dedicou o Día das Letras Galegas foron valorados e celebrados sempre entre o amplo espazo que hai entre a estética e o compromiso co seu pobo e a súa cultura. Así por exemplo a elección de Lugrís Freire ten que ver menos coa calidade literaria da súa obra que co seu compromiso social e político co nacionalismo no que sempre militou. Neste senso, a obra literaria de Lugrís, poética, teatral ou periodística inscríbese nunha nosa tradición didáctica moi ben ilustrada pola actitude do Padre Sarmiento que, desexoso de recoller o léxico galego que ía anotando con rigoroso coidado filolóxico nas súas viaxes a Galicia, considera de maior utilidade, dada a maioría iletrada do pobo galego, trasladar estas palabras a unhas coplas populares, que plasmalas nun repertorio lexicográfico tan empregado nesa época ilustrada. E tamén Lugrís, consciente de que o xornal era o libro do pobre, do humilde, recorre á prensa como un xeito de propaganda popular para espallar a ideoloxía liberadora da terra, consciente de que o pobo coa súa
121 Nº 367