NOTAS ARREDOR DE DÚAS PEZAS MUSICAIS INSPIRADAS NA POESÍA DE LORENZO VARELA Xosé Anxo García López
As primeiras composicións en galego publicadas por Lorenzo Varela foron os seus ?Catro poemas pra catro grabados?, que acompañaban os gravados en madeira de Luís Seoane recollidos no álbum María Pita e tres retratos medioevales1. Entre os moitos xuízos que desde aquela suscitaron, coidamos apropiado traer aquí o parecer de Xosé Ramón Pena sobre o concepto que lle merecían os poemas de Varela: ?Hai un algo que se converte en vivo e actual através dunha história que se fai mito poético, conciéncia dun viver apaixoado?2. Unha opinión se non semellante, si moi favorable, foi amosada no seu día polo mestre Julián Bautista3 (Madrid, 1901Buenos Aires, 1961), responsable da adaptación musical dos ditos textos líricos, que titularía Catro poemas galegos4. Temos a certeza de que 1946 foi o ano no que o citado compositor rematou o seu labor sobre as composicións de Varela5. De igual xeito, os estudosos coinciden á hora de sinalar como estrea da obra de Bautista a representación levada a cabo no XXII Festival da S.I.M.C. (Societé Internationale pour le Musique Contemporaine) en xuño de 1948. A interpretación instrumental correu a cargo da Amsterdam Chamber Music Society baixo a dirección de Félix de Nobel, mentres que a encargada da parte vocal foi a solista Janet Fraser, quen cantou os poemas de Varela en inglés6. Fernando Salgado, autor de varios volumes sobre a biografía de Lorenzo Varela7, acreditou en 1995 que os Catro poemas galegos foron premiados en Londres despois da súa estrea en Amsterdam, amais de engadir que: ?Pouco despois, a obra de Bautista foi estreada en Buenos Aires, executada polo do mestre Del Royo?8. Dez anos máis tarde, Callón Torres reproduciría exactamente os mesmos datos, que este investigador tirou do primeiro dos libros que Salgado dedicou a estudar a traxectoria vital de Varela9. Mesmo que Salgado non apunte nese caso en concreto a fonte da que extrae as devanditas informacións, é doado constatar que, polo que se refire a esa temperá execución dos Catro poemas galegos en Buenos Aires, os contidos foron tirados do traballo de Luís Seoane ?A poesía galega na obra do compositor Julián Bautista?10. O susodito traballo, orixinalmente en lingua castelá, foi lido polo seu autor na emisión radiofónica Galicia Emigrante o dezaoito de xullo de 1961. Posteriormente sería vertido ó galego por Lino Braxe e Xavier Seoane, editores dunha escolma de textos que Seoane elaborara para a súa difusión no citado programa de radio11. Non dubidamos que o criterio de Salgado á hora de recoller o testemuño de Seoane foi proporcionar un maior coñecemento sobre a fortuna dos Catro poemas galegos, ben que fixera unha lectura equivocada do traballo de Seoane; polo mesmo, tampouco seme35 Nº 366