LONXE, DE LORENZO VARELA, UN POEMARIO PARA SENTIRSE PRÓXIMO
Xosé Luís Axeitos
Os dous poemarios galegos de Lorenzo Varela, Catro poemas para catro grabados (1944) e Lonxe (1954) aínda que inspirados pola mesma poética e pola mesma ética responden a dous momentos diferentes da existencia do seu autor. O primeiro, publicado en 1944, quería ser unha tarxeta de presentación dun home que regresaría despois dun obrigado aprazamento. Aspiraba, da man de Luís Seoane, o seu fraternal amigo, a ter unha acollida cordial no seu pobo. A volta do emigrado era posible porque a guerra mundial estaba pendente do seu desenlace esperanzador para tantos homes e mulleres que seguían con atención as noticias das distintas frontes bélicas da época. As revistas De Mar a Mar e Correo Literario, aínda que orientadas cara á literatura e a arte, son un bo termómetro para aquilatar a esperanza que os exiliados tiñan neses momentos dramáticos. Ata os nomes das distintas editoriais e colecións que fundan os exiliados galegos queren comunicar estes anceios: Mar Dulce, Buen Aire, Nova, Resol. Este último selo editorial non fai máis que evocar unha experiencia que se xerou en Galicia poucos meses antes do comezo da guerra civil. Unha ponte, para o regreso. Pasados os anos, no ano 1954, Lorenzo Varela publica o seu máis importante poemario, Lonxe, na editorial Botella al Mar con outras perspectivas menos esperanzadas. Porque a botella ó mar soamente se lanza desde a desesperación e o illamento producido por un naufraxio. E o noso poeta era neste momento un náufrago, sen terra á vista. Unha serie de circunstancias políticas que se suceden a partir de 1946 provocan este clima de desalento e desacougo entre os exiliados: en primeiro lugar, o esmorecemento da guerrilla antifascista, que seguía a ser un facho de esperanza para cantos concibían a patria como un espazo xeográfico liberado. Deseguido ocorren as discusións e desautorizacións do recentemente fundado Consello de Galiza. E xa antes, tiñan os exiliados contemplado o derrubamento do goberno republicano no exilio, vítima das liortas entre prietistas e negrinistas, incapaz de crear unha fronte sólida de defensa dos valores republicanos e democráticos. Os acontecementos políticos, despois da decisión da Asemblea das Nacións Unidas de derrogar en 1950 a cláusula de condena a España de 1946, non fai máis que confirmar a pervivencia da ditadura; a maior abondamento, a aceptación de España na Unesco en 1952, a sinatura do Concordato co Vaticano en 1953 e neste mesmo ano o Acordo Militar cos EEUU converten a Franco en aliado das grandes potencias occidentais. Estas circunstancias reducen o exilio a unha resistencia ética e moral onde o debate xeneralizado sobre o regreso chega a marcar unha liña separadora moi preocupante. Nas obras literarias e epistolarios empezan, xa que logo, a sucederse as metáforas do desarraigamento e da instalación existencial nesa randeiera incesante do exilio, dos bar209 Nº 366