E S C R I T A EPISTOLAR EN GALEGO: A CORRESPONDENCIA DE DON DIEGO SARMIENTO DE ACUÑA, I CONDE DE GONDOMAR (15671626) (II) Rosario Álvarez Blanco e Xosé Luís Rodríguez Montederramo
Na primeira entrega deste traballo fixemos unha presentación das cartas en galego do epistolario do conde de Gondomar e ofrecemos os textos en edición crítica e facsimilar (BRAG 2004)1. Demos conta brevemente da súa novidade ou da súa historia editorial, expuxemos os avatares do epistolario, en tanto que colección, e trazamos o arco temporal abarcado polas cartas editadas en paralelo á traxectoria biográfica do seu destinatario, don Diego Sarmiento de Acuña. Coa identificación dos correspondentes ?homes e mulleres; fidalgos, eclesiásticos, letrados...?, rematabamos a parte documental e histórica. Na análise lingüística tocamos só un aspecto sociolingüístico, que nos pareceu prioritario e acorde con estas coordenadas históricas: a escolla da lingua nestas mostras da escrita epistolar da época. Nesta segunda entrega entramos en detalle nos aspectos lingüísticos, con vistas tanto a pormos de relevo os trazos diatópicos e diacrónicos máis significativos coma a facilitarmos a comprensión total dos textos e xustificarmos a lección proposta. A análise grafemática abórdase en conxunto, trazando unha panorámica da forma de representación dun sistema fónico que sufriu grandes mudanzas desde a época medieval, mais prestando atención ás especificidades dos distintos correspondentes (§ 1). Dedicamos tamén un capítulo propio ao estudo do tratamento, por considerarmos que é de especial interese no xénero epistolar, que ten na rede familiar e clientelar o principal espazo de desenvolvemento e está obrigado a se cinguir a unhas convencións formularias (§ 2). Os outros aspectos lingüísticos escolmados, nas liñas expostas máis arriba, trátanse por separado nos comentarios particulares de cada remitente (§§ 310); os que non poden ser considerados nos límites deste artigo quedan parcialmente compensados no glosario exhaustivo, con información gramatical, incluído ao remate (§ 11). Aos comentos gramaticais, tantos coma correspondentes, preceden senllas leituras explicativas dos textos, pois as situacións descritas nas cartas son dobremente elípticas. Sono pola propia natureza da correspondencia privada ou familiar, na que hai unha importante bagaxe de coñecementos que comparten emisor e receptor e non se explicitan; sono tamén no sentido en que o é calquera texto histórico, con alusións a feitos ou circunstancias de identificación obvia para os coetáneos, pero complexa e escura para o lector ou historiador actual, en canto que previamente debe saber trazar as coordenadas en que se sitúan. O epistolario de Gondomar revelouse útil na resolución desas elipses, pois algúns dos
225 Nº 366