MARÍA BAL TEIRA, MULLER LEDA SEN LEI: A LOANZA OCULTA NO POEMA DE LORENZO VARELA Carmen Blanco
i entre tódalas soldadeiras sóla ti María a Balteira belida dos dados donda da danza a primeira Uxío Novoneyra Celebro o azar e outra vez gozo co xogo. Deléitome coa dureza e a dondura dos dados nos dedos, sentindo a emoción da inminencia do golpe da sorte. E en cada danza dos dados baila leda a belida Balteira e morre a maldita memoria medieval da muller tafur arrastrada para escarmento por toda a vila.
O SON DAS SOLDADEIRAS Nada se sabe certo das artes reais do corpo e da lírica daquelas mulleres da arte dos tempos pasados, soldadeiras, cantadeiras e xograresas que participaron activamente no florecemento da cultura trobadoresca medieval, no seu canto, na súa música, na súa danza, nos seus xogos e na súa vida alegre. Toda a real riqueza desta vida foise co vento da historia imposta e destas artistas hoxe certo non temos máis que o son dos seus nomes incertos de Mariñas e Marías: Marinha, Marinha Lopes, Marinha Foça, Marinha Crespa, Marinha Sabugal, Maria Peres, Maria Garcia, Maria Meijouchi, Maria Negra, Maria Genta, Maria Leve, Maria Aires, Maria Mateu, Maria do Grave, Luzia Sánchez, Elvira Lopez, Orraca Lopez, Maior Moniz, Dominga Eanes, Ouroana? Nada quedou na historia do protagonismo artístico destas mulleres, tan só a creación fantasmagórica da mentalidade sexista, sexofóbica e misóxina da corte alfonsí que instituíu o xénero da obscena sátira de soldadeira, apelando ao riso reprimido, represor e represivo, denigrador da muller de vida sexual libre e da prostituta que esa mesma mentalidade inventara para contrapor á outra creación fantasmagórica súa, a da Virxe, loada nas rexias Cantigas de Santa Maria. A SONA DA BALTEIRA De entre todos os nomes das soldadeiras houbo un, o de María Peres Balteira, que soou e resoou por enriba dos demais ata quedar mesmo como un símbolo, agora positivo, na historia activa dos nosos días, aínda que tampouco nada certo saibamos dela. O que si sabemos son as palabras censoras e burlescas que suscitou en todo un ciclo de cantigas satíricas a ela dedicadas pola autoría de Afonso X o Sabio, Pero da Ponte, Pero García Burgalês, Pedr'Amigo de Sevilla, Pero Garcia d'Ambroa, Johan Vazquiz de Talaveira, Vasco Perez Pardal, Pero Mafaldo, Johan Baveca e Fernan Velho. Coas palabras de poder
17 Nº 364