PRESENT A C I Ó N
o mes de maio de 1906, adiantándose uns meses á constitución formal da Academia Galega, apareceu o primeiro número do Boletín da Academia Galega, que non incorporará o adxectivo Real ata o número cinco. Este breve apuntamento quere chamar a atención sobre o feito de que este noso actual número, o 366, relativo a 2005, sairá do prelo cando xa se están a preparar os actos conmemorativos do centenario da Real Academia Galega e, tamén, do seu voceiro que acompañou a institución nesta singradura entre dous séculos. Pensado nun primeiro momento como publicación mensual, o Boletín acusará ao longo da súa vida certas lagoas e irregularidades provocadas por moi diversas causas. Pero sempre acabou superando as dificultades con certa dignidade e foi digno voceiro do espírito aberto, interdisciplinario e científico da institución. Se nunha primeira etapa estivo dedicado ao estudo das fontes populares da nosa cultura e á transcrición de manuscritos medievais, sen esquecer nunca as figuras senlleiras do Rexurdimento, ás que dedicou brillantes monografías, hoxe os contidos de boa parte do Boletín teñen como referente o personaxe do Día das Letras Galegas. Nesta ocasión a elección do escritor homenaxeado, Lorenzo Varela, supón unha cita obrigada coa cultura do exilio. A experiencia do exilio como feito político marcará decisivamente a obra poética e xornalística do escritor de Monterroso. Tanto as alocucións do acto institucional celebrado na vila natal do escritor, a cargo de Alonso Montero, Neira Vilas e Xosé L. Axeitos, como os traballos doutros investigadores e críticos ?Carmen Blanco, Ferreiro Fente, Xosé A. García López, Xosé R. López García e Daniel Salgado? afondaron na vida e na obra de Lorenzo Varela, exhumando textos, destacando o seu compromiso cívico, reivindicando a modernidade da súa obra, etc. Como novidade salientable temos que sinalar as páxinas informáticas coas que a Academia glosou a vida e a obra de Lorenzo Varela. Estas páxinas, ademais da incorporación do novo formato, tiveron a honra de ser agasalladas cun manuscrito autógrafo, inédito en gran parte, do escritor de Monterroso. Debemos este traballo, que inclúe a transcrición dos textos manuscritos, a Nélida Cosme Abollo, Lurdes Revaldería e Dolores Sánchez Vales. Non falta neste número, seguindo o esquema tradicional da publicación, o apartado de Estudos, nesta ocasión reservado á escrita epistolar en galego de don Diego Sarmiento de Acuña, a cargo, transcrición e estudo, de Rosario Álvarez e Xosé Luís Rodríguez Montederramo. Esta sección inclúe tamén un estudo introdutorio de Xosé R. Barreiro Fernández e Xosé Luís Axeitos á edición facsímile da Cartilla Constitucional de J. M. Paz Novoa. A sección oficial recolle as necrolóxicas de Tovar Bobillo, Meijide Pardo e Manuel María a cargo, respectivamente, de Alonso Montero, Barreiro Fernández e Darío Xohán Cabana. A crónica da Academia pecha este número 366 do Boletín da Real Academia Galega, correspondente a 2005.
N