284
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
5. SECCIÓN NECROLÓXICA
ÁLVARO CUNQUEIRO MORA
Facemos memoria do vello amigo no Mondoñedo onde naceu o ano 1911, e onde foi soterrado, despois do seu pasamento en Vigo no ano 1981. Evocámolo na cidade natal que tanto amou. Asociámolo coas feiras das San Lucas, que moito gustaba de lembrar. O outono que o barroco da capela dos Remedios descubría, tiña unha ollada campesiña. Chegaban daquela a Mondoñedo moreas de xentes da montaña, da bocarribeira, do Valadouro, das claras mariñas luguesas. Baixaban das terras montañesas as greas de poldros bravos. Cunqueiro escoitaba os rinchos dos cabalos que chegaban ó feiral, mentres deambulaba polas estreitas rúas. Pero o gran extravertido falangueiro, compracíase tamén na soidade. El ben o dixo: Mondoñedo é o silencio e a melancolía. Alí podíase quedar un a ver medralo silencio, un producto da cultura. Unha das delicias mindonienses era, ó seu ver, a toponimia, compracíase en evocalos belidos nomes: Argomoso, Sasdomigas, Lindín, Bretoña, Baltar, Reigosa, Estelo, Romariz, Labrada. . . o escritor fixo de Mondoñedo o pazo dos seus soños. De primeiras fora Cunqueiro un poeta mozo de vangarda. Era o tempo dos movementos que pasaban polos meridianos de París e chegaban a España a través de Vicente Huidobro. El fíxose eco en fala galega das novas correntes, e publicou Mar ao norde, seguido de Poemas do sí e o non. Tamén ecoou na súa andaina creadora, a tradición dos vellos Cancioneiros medievais. Así fixo trobadorismo con voz contemporánea en C a n t i g a nova que se chama Riveira.
Viñeron máis tarde, tempos de maturidade: os da prosa narrativa e do teatro. Foron xurdindo Merlín e familia, As crónicas do Sochantre, Si o vello Sinbad volvese ás illas. Ou a singular triloxía: Escola de menciñeiros, Os outros feirantes, Xentes de aquí e de acolá. Tamén pezas teatrais: O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca, A noite vai coma un río. Álvaro Cunqueiro leu o seu discurso de ingreso sobre Tesouros novos e vellos na ?Real Academia Galega? na cidade natal. A onde se trasladaran os membros da corporación. Sucedía nesta ó poeta Ramón Cabanillas. Tivemos a honra de lle dar resposta ó recipiendario o 12 de abril do ano 1963. Era o novo académico un ensimesmado atento, cortés. Gustáballe camiñar cun pé suspenso no voo da imaxinación. E o outro apoiado no chan sólido de mesóns, cociñas e tabernas. Meténdonos no seu mundo, non atinamos a saber ónde remata a realidade, e ónde comeza a fantasía. Porque o escritor compraciase en modificalo xeográfico, en transtornalo histórico coa auréola da poesía. Os países dos que falaba estaban no mapamundi, pero el convertíaos en países soñados. Os tempos dos que escribiu parecían mesturados, e os protagonistas pertencían a un universo alburgado. En calquera caso, Cunqueiro sentía Galicia na súa esencia, e na súa verdade campesiña. E, sobre todo, sentía a sustancia da lingua. Insufloulle así á fala natal o xenio creador, o voo de universalidade que demandaba. Francisco Fernández del Riego