302
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
RICARDO CARBALLO CALERO
Era natural do Ferrol, cidade na que viu a primeira luz o ano 1910. Fixo os estudios de Dereito e Filosofía e Letras na Universidade compostelá, e obtivo o doutoramento nesta última Facultade. Formou parte da Xeración que el mesmo chamou do ?Seminario de Estudos Galegos?. Desempeñou importante papel nas seccións de Filoloxía e Historia da Literatura e na de Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas de aquela institución. Identificouse co espírito que reflectía a revista ?Nós?. Publicou nela, ademais de moitos poemas, interesantes ensaios literarios. Sentíase vencellado á liña dos seus inspiradores, cos que colaborou arreo. Ó longo do tempo, Carballo Calero andou a desenvolver un abondoso labor nos eidos da poesía, da narrativa, do teatro, da historia e da crítica literaria. Porque a obra que encetara na etapa escolar e no ?Seminario de Estudos Galegos?, proseguiuna nas etapas que sucederon á Guerra Civil, ata a hora do seu pasamento. En toda ela mantivo a preocupación polo problema do idioma. Porque, como dixo en varias ocasións, a historia da lingua é a historia mesma de Galicia: A historia do seu nacemento, do seu crecemento, da súa maturidade, da súa prostración, da súa reparación e do seu esforzo por persistir. Os primeiro libros que editou foron libros de poemas. Entre eles, Vieiros, O silenzo axionllado, Anxo de terra. Con Xente da Barreira inaugurou a novela en galego despois da Guerra Civil. Con Catro pezas fixo a súa contribución ó teatro no noso idioma. O labor que realizou como crítico
literario tivo importante significado na historia da cultura propia. Compre salientar: Sete poetas galeg o s . Sobre lingua e literatura galega. E, sobre todo, a Historia da Literatura galega cont e m p o r án e a . Unha historia do ciclo que vai desde os textos patrióticos e políticos do primeiro tercio do século XIX, ata as fórmulas vangardistas e as preocupacións polos destinos do país que bolen nos textos escritos nas ?Vísperas Xulianas?. Desempeñou Carballo Calero a cátedra de Lingua e Literatura Galega na Universidade de Santiago. Leu o seu discurso de ingreso na ?Real Academia Galega?, como membro numerario, o 17 de maio de 1958. O seu predecesor fora Don Marcelo Macías. Recibiuno Don Ramón Otero Pedrayo, que agradeceu no nome da Corporación, o contido da exposición que versou sobre Contribución ao estudio das fontes literarias de Rosalía. Finou o escritor en Compostela, o 25 de marzo do 1990. Un escritor que foi, entre outras cousas, un grande evocador que resucitou lembranzas e feitos con criterios actuais. Describiu e estudiou en fondura, a vida e a obra dos Precursores. Ensinounos matices dos vellos mestres, envolvéndoos na atmosfera espiritual que lles deu existencia. Levounos da man polos vieiros das nosas letras e da nosa fala, e aprendeunos a coñecelo que eles realmente representaban. Francisco Fernández del Riego