MANUEL MURGUÍA
311
XOSÉ FILGUEIRA VALVERDE
1. ENCICLOPEDIA VIVA
Dotado pola natureza de excelente saúde, tenaz memoria e fina sensibilidade, Xosé Filgueira Valverde correspondeulle con traballo incansable, lectura insaciable e preocupación cultural. Os noventa anos do periplo de Filgueira enchen case todo o século XX porque estivo en case tódalas iniciativas e acontecementos culturais destes cen anos. O exhaustivo traballo bibliográfico de María Jesús Fortes Alén1, que elenca canto Filgueira publicou e mailos cursos e conferencias que deu, contén 4.533 entradas. Entre libros e folletos publicou máis de trescentos títulos, máis de mil artigos en xornais e revistas (só nos Adrais conto 578) e máis de 1600 conferencias, cunha media de tres libros, trece artigos e vinteúnha conferencias por ano. É dicir, Nulla dies sine linea. É certo que tratou algúns asuntos varias veces, pero só o número de persoas citadas nos títulos ascende a 789, o que dá idea da extensión do seu repertorio: as máis estudiadas foron, por esta orde, Castelao, Sarmiento, Rosalía, Afonso X, Otero Pedrayo, Sánchez Cantón, Valle Inclán, Camoens, Cunqueiro, Bouza Brey, Xelmírez, Losada Diéguez, Antonio Fraguas, Alfredo García Alén, Risco, Méndez Núñez, Lago González, Manuel Quiroga Losada e Tomás Luís de Victoria. Os temas máis estudiados foron, tamén por esta orde, Pontevedra, Compostela, Galicia e a súa cultura, Música, Pintura e Arte en xeral; a unha certa distancia seguen o Nadal, a Lírica medieval, a Arqueoloxía e a Antropoloxía. Esta actividade portentosa convérteo nun dos homes importantes da Galicia deste século.
Filgueira, licenciado en Dereito, diplomado en Psicoloxía e doutor en Filosofía e Letras, foi un erudito e, por tal, foi membro da Real Academia Galega e da de Belas Artes. Pero tamén o foi doutras trece Academias ou altas Institucións Culturais de España, Portugal, Brasil e Alemaña. Dende moi novo traballou nas cousas da cultura galega, entendida no senso máis global, e foi quen máis anos exerceu a súa condición de académico, xa que entrou na Galega ós 35 (en 1941)2. Naceu e morreu en Pontevedra e nela viviu sempre, non sendo pequenas estadías en Barcelona e Lugo. Filgueira era unha enciclopedia viva que parecía conter canto se podía saber de lingua galega, literatura, artes plásticas, arqueoloxía, historia, pero tamén de lugares, obras artísticas, persoas ou acontecementos relevantes de Galicia. Pola cantidade de especialidades que conectou a súa cabeza privilexiada, Filgueira foi un erudito ó que, probablemente sen hipérbole, podemos concedelo título de sabio. Polígrafo, coma Varrón, Isidoro de Sevilla ou Leonardo da Vinci, foi, se se permite o paradoxo, un polígrafo monotemático, porque pouco escribiu que non tivese que ver con Galicia. As obras completas del ben podían titularse Galicia e os galegos. Pero dentro diso tocou tantos asuntos que aínda hoxe é difícil entrar nun e non acabar dicindo: Por aquí xa pasou Filgueira con información de primeira man. O magnífico traballo bibliográfico de María Jesús Fortes Alén, citado arriba, quítalle a estas palabras calquera sombra de hipérbole. Referireime só a algúns aspectos da obra. A lingua galega. Ós 17 anos deu a súa primeira conferencia en galego, ós 20 publicou con