296
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
CASIMIRO TORRES RODRÍGUEZ
Naceu en Santa Cruz de los Cuérragos, Zamora, o 10VIII1904. Estudiou a carreira eclesiástica no Seminario de Astorga. Rematada esta e ordenado sacerdote estudiou na Universidade Pontificia de Santiago licenciándose en Dereito Canónico. Xa en Santiago estudiou o bacharelato e posteriormente Filosofía e Letras na Universidade de Santiago, doutorándose na Universidade de Madrid no ano 1944 cunha tese sobre Magno Clemente Máximo (publicada no ano 1945 parcialmente no Boletín da Universidade de Santiago). No ano 1939 foi nomeado profesor adxunto interino da Facultade de Xeografía e Historia de Santiago, que será a súa casa ata a xubilación no ano 1970. No ano 1944 ingresa no Corpo Facultativo de Arquivos de Bibliotecas. A Biblioteca Universitaria de Santiago, da que foi nomeado Director, o ensino na cátedra de Historia Antiga e a investigación histórica dos séculos IVVI, constitúen os eixes da súa vida intelectual. Como bibliotecario realizou un exemplar labor non só na Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago, senón tamén organizando a biblioteca do Seminario Maior de Santiago de Compostela que estivo ó seu cargo ó longo de vintecinco anos.
Gran coñecedor das linguas clásicas (especialmente latín e grego) e da paleografía realizou magníficas investigacións sobre os períodos tardoromano e suevo en Galicia, parcela histórica na que foi sen dúbida algunha o máximo investigador e como o acreditan as seguintes obras: La Galicia Sueva (1982), La Galicia Romana (1982), Paulo Orosio su vida y sus obras (1985). Así mesmo, foi o editor, cos profesores A. Moralejo e S. Feo, da magna obra Códice Calixtino (1951). Publicou tamén moitos artigos en revistas especializadas, como Límites de Galicia en los siglos IV y V (1949); El culto al emperador en Galic i a (1952); Prisciliano, doctor itinerante (1953); Hidacio, primer cronista español (1956); El Cronic ó n d e H i d a c i o (1957); Peregrinaciones de Oriente a Galicia en el siglo V (1971); El maestro Predro Compostelano (1975). Sen ser galego, integrouse plenamente na nosa cultura. A súa dedicación á investigación histórica de Galicia foi premiada pola Real Academia Galega elixíndoo membro numerario da mesma, na que ingresou o 3 de marzo de 1979 lendo o discurso O malfadado D. García, Rei de Galicia. Morreu o 12XI1989. Xosé Ramón Barreiro Fernández