Traballos e investigación sobre outros temas
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
O GALEGO DO BIERZO E A SÚA SITUACIÓN ACTUAL Francisco Fernández Rei
O obxectivo do presente artigo é facer unha análise da actual situación da lingua galega no Bierzo, con especial atención ó marco legal e ás diferentes accións realizadas nos últimos anos tendentes á súa dignificación e normalización1. A análise vai precedida dun apartado sobre a delimitación do territorio galegófono do occidente de León e doutro no que se fai unha sintética caracterización do galego dos Ancares de León e do Bierzo occidental. 1. Xeografía e demografía A fronteira do galego en León trazada por Ana Seco, tal como se ve no mapa adxunto, parte de Guímara (concello de Peranzais), fala de transición galegoleonesa que presenta ditongación en formas como tierra, amariello e you xunto con trazos galegos en formas como ano e irmanha 'irmá'2. Continúa o trazado da fronteira pola estrema entre o concello ancarés de Candín (fala galega) e o de Peranzais (fala asturleonesa, agás Guímara), penetra algo no concello de Fabeiro onde Fontoria tamén é fala de transición galegoleonesa; e logo o límite pasa aproximadamente na divisoria dos ríos Cúa e Sil. Contra o sur, comeza a coincidir a fronteira administrativa de Ourense e León coa lingüística entre galego e asturleonés: o concello berciano da Ponte de Domingo Flórez é de fala galega, pero o veciño de Benuza, da comarca da Cabreira, é de fala asturleonesa3. Son 19 os concellos occidentais de León onde total ou parcialmente se fala galego4: o concello ancarés de Candín (444 habitantes) e os bercianos occidentais da Veiga de Espiñareda (2.960 h.) ?agás na parte de El Espín, que é unha fala de transición?, Vilafranca (3.807 h.), Valboa (460 h.), A Veiga de Valcarce (874 h.), Barxas (403 h.), Oencia (531 h.), Trabadelo (565 h.), Corullón (1.211 h.), Sobrado (559 h.), Cacabelos (4.868 h.), Viladecais (2.325 h.), Carracedelo (3.552 h.), Carucedo (665 h.), Borrés (510 h.), A Ponte de Domingo Flórez (1.985 h.), Arganza (959 h.), Camponaraia (3.209 h.) e Priaranza (974 h.). Nestes 19 concellos a poboación de dereito a 1 de xaneiro do 2001 era de 31.038 habitantes, pero cómpre ter en conta que a zona oriental dos tres últimos concellos citados (Arganza, Camponaraia e Priaranza) non é de fala galega; por outra parte, no concello de Ponferrada (61.829) hai núcleos galegófonos e na propia vila de Ponferrada vive un número indeterminado de falantes procedentes de zonas do Bierzo, ademais de neofalantes sensibilizados na recuperación social do galego en León. 2. Caracterización do galego oriental e do galego de León As falas galegas dos Ancares de León e do Bierzo occidental presentan os trazos caracterizadores do bloque oriental, que abrangue o leste de Lugo e Ourense e as comarcas
327 Nº 363