Alocucións académicas sobre o P. Sarmiento no Día das Letras Galegas
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
TRADICIÓN E MODERNIDADE NA OBRA CIENTÍFICA DE SARMIENTO Francisco DíazFierros Viqueira
No século no que lle tocou vivir a Sarmiento, España estaba a espertar dun sono de máis de cen anos, no que a ciencia e a técnica modernas eran practicamente descoñecidas. Malia os esforzos por rescatar do esquecemento determinadas figuras, como puido sela do mariño galego, o mindoniense Seixas Lobera, a realidade foi que non pasaron de ser personaxes illados que pouco ou nada influíron no ambiente da sociedade española. Nela, unha visión da natureza aínda ancorada no mundo gótico, era o sentir dominante, e Aristóteles e os tomistas fornecían de tódolos argumentos necesarios para a interpretación do mundo. Co cambio de século, as augas remansadas principian a removerse cos ecos que certas preocupacións da ciencia e filosofía europeas comezan a xerar en grupos de intelectuais de Valencia, Sevilla e Madrid. Créanse as primeiras institucións científicas como a Real Sociedad Médica de Sevilla e o Real Seminario de Nobles de Madrid e determinadas figuras singulares, como as do mariño Jorge Juan, o botánico José Ortega e, sobre todo, a do benedictino Feijoo empezan a facerse escoitar nos ambientes da corte e nos faladoiros de nobres e burgueses que agroman por todo o país. Foi a chamada xeración crítica, que botou sobre as súas costas o difícil traballo de derrubalo establecido para poder construír un novo sistema de pensamento máis en sintonía cos ventos da renovación intelectual que estaban a chegar alén dos Perineos. Contaban co apoio da nova monarquía, pero tiñan de fronte poderosas institucións como a Universidade e a Igrexa ou gremios moi enraizados na sociedade como o dos médicos. Foi un labor difícil, propio de personalidades fortes e teimudas, como a de Feijoo, que xerou rexeitamento e duras críticas en amplas capas da sociedade. Neste ambiente de loita intelectual e ó abeiro da figura máis representativa do movemento renovador transcorren os anos de formación de Sarmiento. Anos escuros e dos que non se sabe moito, mais para os que non e difícil imaxinar, coñecendo o que deu de si a súa personalidade, que serían tempos de estudio e reflexión, como cumpría á súa formación de mestre benedictino, pero tamén tempos inquedos e de tomas de posición ante os enfrontamentos que as novas correntes de pensamento estaban a provocar. Enfrontamentos nos que os novos xeitos de entendelo mundo que a ciencia e a técnica modernas estaban a ofrecer terían unha presencia singular. Instalado no convento de San Martín en Madrid, formou unha inmensa biblioteca na que se atopaban a maioría das novidades científicas da época, mesmo aquelas sospeitosas para a ortodoxia católica, como foron as do naturalista francés Buffon. Foi achegándolle libros, puntual e xenerosamente, e por ela mantíñase moi ben informado de todo o que de interese podía vir de Europa. Pero tamén saíu da cela do mosteiro madrileño, e tomou contacto coa realidade social e a natureza do país, sobre todo, nas dúas via207 Nº 363