Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
ADIANTÁNDOSE Ó SEU TEMPO: COÑECEMENTO E ENSINO DA XEOGRAFÍA NA OBRA DE FREI MAR T Í N S A R M I E N T O Francisco Rodríguez Lestegás
Universidade de Santiago de Compostela
No ano 1972 conmemorouse o II Centenario do pasamento de Frei Martín Sarmiento, cualificado por méritos propios como o máis xenial e prolífico, enciclopédico aínda que non enciclopedista, dos nosos ilustrados. Co gallo desa efeméride, o Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento publicou un volume monográfico dos Cuadernos de Estudios Gallegos. En 1995, unha nova celebración, esta vez o tricentenario do seu nacemento, xustificou a reedición desa obra, enriquecida con novas contribucións. Co mesmo motivo, celebrouse tamén un Congreso Internacional, auspiciado polo Consello da Cultura Galega e a Universidade de Santiago de Compostela, do que se publicaron dous tomos coas achegas presentadas. No 2002, cando se cumpren 230 anos do seu pasamento, dedícaselle a este sobranceiro galego o Día das Letras Galegas, o que supón unha ocasión irrepetible para glosar de novo a figura dun home que, desde a soidade da súa cela, soubo adiantarse ó seu tempo e deixar para a posteridade un agudo e lúcido pensamento. O personaxe, o seu tempo, a súa obra No ano 1695, cando aínda reinaba en España Carlos II, nace en Vilafranca do Bierzo Pedro José García de Balboa, fillo de Alonso García Gosende e de Clara de Balboa Sarmiento. Ós catro meses de nacer, trasládase toda a familia a Pontevedra, onde transcorre a infancia e a escolarización de Pedro José, primeiro no colexio rexido polos xesuítas e despois no mosteiro benedictino de San Salvador de Lérez. O derradeiro monarca español da dinastía habsburguesa morre supostamente ?enfeitizado? en 1700, despois de dúas estériles vodas e deixando o país nunha ridícula e lamentable situación no contexto internacional. Ó ano seguinte, Felipe V, neto de Luís XIV, entra na vila e corte de Madrid, capital do seu novo reino, e disponse a afrontar unha longa guerra contra os partidarios do outro pretendente, o arquiduque Carlos de Austria. O chamado ?Século das Luces? botaba a andar nun país maioritariamente analfabeto. En 1702, Pedro José é testemuña da chamada ?batalla de Rande?, desfeita que lle infundiu verdadeiro pánico e que pode estar na orixe desa sensación de soidade que o acompañou durante toda a súa vida: na enseada de San Simón, fronte a Redondela, a escuadra angloholandesa queimou e afundiu os galeóns que, procedentes da Habana cun
167 Nº 363