Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
LINGUA, VIDA COTIÁ E CORRIDAS DE TOUROS 1 Miscelánea inédita de Fr. Martín Sarmiento Xesús Ferro Ruibal
Frei Martín Sarmiento foi un galego xenial, quizais o máis xenial dos galegos. E foino a pesar do estilo popular dos seus escritos. E foino nunha cantidade sorprendente de materias. Aplicando a tódolos asuntos iso que os galegos chamamos sentidiño, viviu tan por diante do seu século, que a ciencia europea tardaría moitos decenios, e mesmo algún século, en formular cientificamente aquilo que Sarmiento xa formulara e practicara. A súa obra escrita é xigantesca: entre 16.000 e 24.000 páxinas, segundo se fagan os cálculos, das que está inédito o 65%. Felizmente están postas as bases da edición completa da obra de Pedro Xosé García Balboa por parte do Consello da Cultura Galega. Conforme todo iso se vaia facendo realidade, iremos decatándonos de que, se Sarmiento publicase canto escribiu, as súas ideas robustecerían o pensamento dos líderes sociais, o galeguismo organizado nacería non no XIX senón a mediados do XVIII e con toda verosimilitude a historia de Galicia e tamén a de España sería moi distinta: todo o que aconteceu acontecería cen anos antes e, polo tanto, estariamos vivindo hoxe unha realidade moi distinta da actual. Como homenaxe, quero ofrecer unha miscelánea de textos inéditos que nos dan idea da vastedade dos intereses do noso gran polígrafo. Agradezo á Biblioteca Nacional de Madrid e máis a M. Abadesa do Convento de Santa Clara de Pontevedra a posibilidade de ler e reproducilos manuscritos que cito. 1. Reflexións lingüísticas. Fonética e prosodia. Os novicios benedictinos galegos deben conservala súa lingua e o seu acento galego. Por que se deixou de escribilo galego. Riqueza comparativa do galego fronte ó portugués. Pernicioso papel da norma e da lingua escrita contra a lingua oral Este texto ía ser un comentario a un Privilexio Real concedido por Ordoño II ó mosteiro de Samos, pero ó dicir que estaba mal copiado, coma moitos documentos antigos, botouse a escribir sobre a necesidade de formar bos arquiveiros e acabou falando da educación dos novicios benedictinos durante 140 folios. Cando ía polo folio 38v, confesa que retrocedí del intento y así; ni directe ni indirecte, sabrá Samos, ni otra Casa alguna, si existen, ó nô existen estos Pliegos, que voy escribiendo, no saldrán jamás de mi poder, ni daré Copia de ellos á alma viviente; á no ser à un General, que yo le imagine dedicado á cortar de
63 Nº 363