Alocucións académicas sobre o P. Sarmiento no Día das Letras Galegas
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
O COLOQUIO D O P ADRE SARMIENTO* X. L. Méndez Ferrín
Coa venia do Excmo. Sr. Presidente, Excmas. Señoras Académicas, Excmos. Sres. Académicos, é para min un honor o poder dirixirme a Vós para disertar, sequer fugazmente, sobre o Coloquio, chamado de varias maneiras, que, escrito en verso polo Padre Sarmiento constitúe a primeira pedra do edificio da nosa cultura literaria contemporánea. E motivo de ledicia é, sen dúbida, facelo en Vilafranca do Bierzo, ou do Verzo, como me observa Ramón Lorenzo que rezan os escritos medievais, por Sarmiento vir ao mundo na veciña Rúa da Auga e en casa que vai ser recuperada e que cai por frente da taberna de Leo, precisa saborosamente J. Santos Puerto, onde este que lles fala hai ben anos bebeu do bon viño da terra na compaña dun Celso Emilio e dun Castroviejo que paraban por aquí en estancias previas aos seus intentos de daren caza ao galo do monte nos Ancares. ¡Doces e saudosos recordos! Gostaría de adicar estas cativas palabras a unha muller, Marisa Cela, en quen abrazo todas as mulleres e varóns que ao longo dos séculos foron conservando con fidelidade o noso idioma no amado País do Bierzo. Dous tópicos persiguen sempre a sombra de Sarmiento e o texto do Coloquio: o de que o frade conmemorado naceu en Vilafranca por azar e mailo consistente en que as súas coplas, ou romanzón que el di, non son unha obra literaria relevante. Como Sarmiento abriu unha época e marcou unha liña intelectual na que os tópicos deben ser destituidos pola verdade unha e outra vez asediada, eu quixera agora presentar a Xosé Perucho, aquel meniño, coma berciano de estirpe por parte da súa nai e por Balboa dereito se cadra dos García Rodríguez de Varcarce Balboa que J. M. Balboa (tamén), historiador de Cacabelos, recorda orgullosos e poderosos señores pertigueiros, entre outras cousas, do mosteiro de Carracedo. En canto ao Coloquio, case sempre se ten dito, seguindo as palabras literais e homildosas do autor, que non é senón unha práctica docente destinada á utilidade de aprender ou ver en función as voces galegas que el arrepañara nas súas viaxes ou conservaba na súa memoria pontevedresa. Polo contrario, eu considero esta obra de lectura fascinante e dotada de calidades literarias moi orixinais. É ben verdade, ilustres colegas, que, moi no espírito dezaoitesco, Sarmiento ensarela (el di así) nas Coplas palabras a fío e por veces en afluencia de enxurrada e intención mostrativa da riqueza millonaria do noso léxico, aínda que tamén o é o feito de que os pronomes persoais átonos ás veces lle beillan ao modo castelán (el introduce esta pala233 Nº 363