Alocucións académicas sobre o P. Sarmiento no Día das Letras Galegas
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
UN LABREGO NA VIDA E NA OBRA DO FILÓLOGO MARTÍN SARMIENTO*
Para Francisco Fernández Rei, dialectólogo maior do Reino
Xesús Alonso Montero
O noso sabio, que xa naceu curioso e preguntón, foise facendo sabio, cada vez máis sabio, ó longo dos setenta e sete anos da súa vida, unha existencia entregada de cheo ós máis diversos estudios, moitas veces ad maiorem linguae Gallaetiae gloriam. Pero o noso extraordinario polígrafo, que tantas e tantas páxinas escribiu sobre o galego vivo, sobre o galego falado no seu tempo, viviu case sempre fóra e lonxe da Terra. De feito, dos seus setenta e sete anos, só residiu nos lares da lingua os primeiros quince anos do seu existir. Aínda non mozote, en 1710, a vocación relixiosa e os estudios afástano de Galicia, de Pontevedra ?patria da súa infancia e da súa lingua?, e noutras terras da ancha España vai vivir para sempre, especialmente en Madrid, no convento de San Martín, e foi aquí, na austeridade dunha cela benedictina, onde construíu o edificio do seu inmenso saber. Foi aquí, tamén, onde redactou centos e centos de páxinas sobre a orixe, a formación, a historia e as características da lingua galega, páxinas, en parte, centradas no galego vivo, no galego real do seu tempo. Pero Sarmiento, tan erudito en Lingüística galega, durante décadas, illado no seu estudio madrileño, non tivo relación dialogal con falantes do idioma do que era o seu principal científico. Así pois, durante décadas e décadas, os merlos da fala natal non cantaron dentro dos muros do convento madrileño de San Martín. Hai que supoñer que esta carencia, esta especie de orfandade, foi especialmente grave para quen, como o Padre Sarmiento, ademais de ser cidadán dunha determinada cidade lingüística, era lingüista, é dicir, estudioso desa cidadanía. Ben sei, señoras e señores, que todos vostedes lembran neste momento algo que, desde hai tempo, consignan os libros sobre o noso erudito: que o Padre Sarmiento visitou Galicia en tres ocasións: en 1725, en 1745 e en 1755. Pero foron iso, visitas, visitas moi breves, tan breves que non foron dabondo para esquecer tantas e tantas saudades remoídas baixo ceos onde non cantaban, nin de lonxe, os merlos da fala natal. Xa aquí, cómpre saber que nesas tres viaxes ?en realidade, tres escapadas?, hai un espacio, o de Pontevedra, que vai ser centro esencial das súas emocións e tamén das súas ocupacións. Entre esas ocupacións e emocións, unha ten como escenario unha pequena aldea, Monteporreiro, na parroquia de Mourente, a unha legua, máis ou menos, da Capital. Nesa aldea, Sarmiento vai á procura, nas tres viaxes, dalguén a quen, sendo el neno, tratou moito e admirou, razón pola cal, décadas despois, en 1725, en 1745 e en 1755, sempre procurou velo (son as súas palabras). Martín Sarmiento, que xa algúns eruditos moi escolleitos consideraban un sabio, ¿a quen visitou nunha aldea tan humilde, a de Monteporreiro? Vive alí, no lugariño do Outeiro (a precisión é do propio Sarmiento), alguén que, ademais de ter un coñecemento e dominio prodixiosos da lingua galega, era persoa de
203 Nº 363