Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
TRADICIÓN MANUSCRIT A E DIVULGACIÓN IMPRESA DO COLOQUIO EN COPLAS GALEGAS CONSIDERACIÓNS Á LUZ DO AUTÓGRAFO ORIXINAL Henrique Monteagudo
Instituto da Lingua Galega (USC/Consello da Cultura Galega)
O texto de que imos tratar, coñecido entre outros cos títulos Coloquio de los 24 Gallegos Rústicos, Colección de voces y frases gallegas ou Coloquio en mil duascentas coplas galegas, é un dos escritos saídos da pena de Martín Sarmiento que máis interese ten suscitado, cando menos entre os eruditos galegos. Ese interese estéase en motivos poderosos: deixando á parte o valor da propia peza, trátase dunha das escasas tentativas de escrita en galego xurdidas no século XVIII, recolle un caudal léxico dunha riqueza abraiante, e ofrece novas extraordinariamente curiosas sobre a vida e a cultura da Galicia e do Madrid coetáneos. O Coloquio deu azo para que Sarmiento elaborase un avultado Glossario ou Comento (empregaremos indistintamente unha ou outra denominación), que constitúe o primeiro estudio filolóxico sobre o idioma galego, con dous ou tres séculos de atraso con respecto a outros romances, filoloxizados no Renacemento. O Comento abondaría por si só para consagrar Sarmiento como un lingüista garridamente dotado, pois constitúe un exercicio excepcional de acopio de materiais, un despregue abraiante de erudición, un brillante alarde de finura crítica e de intuición explicativa, unha proeza de vangardismo na concepción e no método. O Coloquio é probablemente o texto sarmentino que gozou de maior fortuna editorial, cando menos a partir dos mediados do século XIX (o Sarmiento que interesou á España de fins do s. XVIII é outro: o da Carqueixa e o Semanario Erudito). Sen contar coas que apareceron no corrente ano de 2002 en que se dedicou a Sarmiento o Día das Letras Galegas, cóntanse ata un total de seis as edicións completas, a primeira aparecida en 1859 e a sexta en 1995. As de maiores pretensións filolóxicas, traídas a lume da man de José Luís Pensado1 e Ramón Mariño2 foron arranxadas a partir do cotexo de copias e recopias do orixinal, que se daba por perdido. Estes editores tamén ignoraban o paradoiro do traslado contido na Colección MedinaSidonia, copia directa dos orixinais do autor, e da que depende unha boa parte da tradición posterior, en particular a coñecida como Colección Dávila, que se convertería na fonte principal para o coñecemento de Sarmiento desde a metade do século antepasado, e da que tamén bebeu abundantemente Pensado para as súas edicións. Como é sabido, desde mediados do século XIX os estudiosos de Sarmiento extraviaron a pista da Colección MedinaSidonia, e o mesmo J. L. Pensado, o máis avezado
95 Nº 363