Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
A FORMACIÓN DA CONCIENCIA LINGÜÍSTICA DE SARMIENTO Xosé Luís Pensado Tomé
Este artigo do profesor Pensado, remitido xenerosamente pola súa viúva, dona Enriqueta Ruíz, forma parte dunha serie de inéditos de gran interese que o Boletín acollerá nas súas páxinas en sucesivas entregas. As páxinas que seguen son a primeira parte dun extenso estudio, dividido en tres apartados, co título xenérico de "La formación de la conciencia lingüística de Sarmiento". Entre o material inédito remitido figura un título Vocabulario histórico gallego de indiscutida importancia para a lexicoloxía galega.
Sen gran dificultade pódese rastrexar a través da obra de Sarmiento toda unha problemática, quizais inconsciente, pero sempre operante, arredor da súa historia lingüística. Céntrase esta sobre un feito cultural de grande importancia: na Galicia do seu tempo quen queira acceder á cultura, dende a mínima aprendizaxe das primeiras letras ata o grao máis elevado da mesma, pasando polo estudio da latinidade, ha de abandonar, necesariamente, a súa lingua propia e aprender a castelá, porque o galego ?háblanle todos, así señores como rústicos. Pero en cuanto a la comunicación por escrito, unos y otros, usan el castellano, o afectan lo posible para escribir en ese idioma dominante? (Memorias, nº 285). Fr. Martín fala galego na súa casa, coma seus pais, na rúa cos seus amigos, e ó aprender as primeiras letras xorde o seu primeiro problema, a lingua que ten mamado non serve. Hai que aprender outra, a castelá, e ó ensinala ?los más de esos maestros no nacieron en Galicia, ni hicieron estudio de la lengua gallega, y castigan a los niños que sueltan alguna voz o frase gallega, coma si dijera una herejía. No he leído semejante barbaridad, obligar a los niños a que estudien una lengua muerta, cual es la lengua latina, por otra que para ellos es más muerta, cual es la lengua castellana, y que olviden la lengua que han mamado? (Educación de la Juventud, 187). Non é necesario probar que Sarmiento foi na súa xuventude un galego falante, así o proban moitas anécdotas das súas lembranzas infantís, que se amosan dabondo nos escritos da segunda metade da súa vida.: o Onomástico Etimológico está cheo delas: alí figura aquela de ?¿Cal é a tua man dereyta?? e sinalando co índice da man esquerda o dedo da cicatriz da dereita, dicía ?Eta? (nº 480); ou estoutra que recorda na longa misa dunha hora que os seus tenros xeonllos tiñan que aguantar na igrexa de San Xoán de Deus de Pontevedra, e que para enganalos botaba os seus ollos polas paredes, rexistrándoo todo e preguntándolle a súa nai: ?Mi madre, ¿que quère decire charitas??; súa nai reprendíao por non atender á misa, pero pouco despois volvía preguntar: ?mi madre, ¿qué quère decire humilitas?? (nº 134), ou aqueloutra na que lle preguntan na súa casa quén predicou un sermón y responde: ?Predicou un frade de Lérez vestido de branco? (nº 195) ou en fin, aquela expresión de ?vamos a armar os panterlos? (nº 205). O mesmo sucede coa Colección de Voces y Frases Gallegas, obra de longos anos, alí rebolen as lembranzas galaicas, xa cheas de preo123 Nº 363