Estudios e investigacións sobre o P. Sarmiento
BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA
F R E I M A R TÍN SARMIENTO, ANTICUARIO Fernando Pereira González
Entre as múltiples facianas da obra erudita de frei Martín Sarmiento hai unha que aínda non foi tratada en profundidade polos investigadores da extensa obra do bieito galego malia o lugar senlleiro que nela ocupou. Refírome ao labor de Sarmiento como anticuario, é dicir como estudioso das antigüidades. En efecto, abonda con percorrermos as moitas páxinas escritas por el para nos decatarmos de que a curiosidade que sentiu Sarmiento polas antigüidades xurdía constantemente nos seus traballos, mesmo naqueles escritos nos que se tocaban os temas máis diversos. E eran moi principalmente as antigüidades de Galicia como todo o referente á súa terra de orixe, paixón verdadeira e perdurable ao longo de toda a súa vida as que acordaban esa curiosidade e mobilizaban os esforzos do erudito. Temas como a xeografía antiga de Galicia, as pegadas da presencia romana, a historia medieval, as antigas inscricións, os monumentos megalíticos, o pasado celta ou a toponimia como guieiro para o estudio do pasado. O presente artigo ten como obxecto presentar aqueles trazos principais (pois non é posible facer un tratamento polo miúdo do tema) que definían o pensamento e mailo labor de Sarmiento como anticuario, para o cal se analiza brevemente o seu tratamento das antigüidades galegas, así como a metodoloxía e as fontes empregadas por el en calidade de anticuario (1). Mais antes de centrarme nesas cuestións que constitúen a cerna do artigo, cómpre pasar de seguido a definir con maior claridade quen eran os anticuarios e que significaba o estudio das antigüidades na Europa da Ilustración e dos séculos inmediatamente precedentes. Deste xeito será posible inserir o Sarmiento anticuario dentro dunha longa tradición de investigacións eruditas acerca do pasado que no século XVIII aínda seguía a ser unha importante rama do saber histórico, malia estar hoxe en boa parte esquecida. 1. ¿Quen é un anticuario? Convén deterse un intre na definición de anticuario, pois a significación que actualmente dámos a ese termo difire en moito daquela que posuíu entre os séculos XV e XVIII. Verbo da súa acepción actual, o Diccionario da Real Academia Galega (na súa terceira edición, do ano 2000) presenta as seguintes definicións:
anticuario s.m. 1. Persoa que se dedica ó comercio de obxectos antigos, particularmente obras de arte, libros, artigos de decoración, etc. (...). 2. Establecemento comercial onde se venden obxectos antigos (...).
141
Nº 363